XEAL financia o servizo “público” de practicaxe dos portos de Brens, Corcubión e Laxe
Novo capítulo no polémico proceso de renovación do servizo de practicaxe nos portos de Brens, Corcubión e Laxe (ademais do de Sada). Hai 3 semanas a Xunta anunciou a recuperación deste servizo tan básico para a seguidade nos nosos peiraos (lembren, o práctico axuda aos grandes buques no proceso de atraque nos nosos peiraos). Pero non explicaba como ía facelo.
Hoxe coñecémolo gracias a XEAL, que confirma que vén de asinar un “convenio de colaboración público-privada” con Portos de Galicia para restablecer o servizo, que xa está activo dende o 24 de febreiro, permitindo á empresa recuperar parte da súa actividade a pesar da retirada do guindastre.
Esta “colaboración público-privada” non pasa desapercida para colectivos como a CIG, que considera que “a Xunta (Portos de Galiza) que terá que explicar como xustifica legalmente este tipo de financiamento e ou colaboración como eles mesmos denominan”.
Para o grupo esta medida “é un “parche” da Xunta e de Xeal ante o desleixo a mala xestión e dun servizo público e do progresivo desmantelamento da industria nesta comarca (duns e outros respectivamente). O que pretenden dar resposta de maneira “transitoria” as reiteradas denuncias da CIG e Comité, que levou a convocatoria de distintas mobilizacións e diferentes iniciativas institucionais exixindo restablecer un servizo público que ademais poñía en perigo a seguridade marítima na Costa da Morte”.
Apuntan ademais que “o camiño da privatización do porto de brens por parte da Xunta comezou no 2005 co progresivo desmantelamento do servizo de estiba no que habia mais de 20 estibadores (da comarca) e na actualidade non queda ningún xa que a estiba e desestiba dos barcos faise por empresas privadas recortando drasticamente a man de obra e que a desprazan doutros portos”.
Para a CIG, “o porto de Brens, como porto público que é, a Xunta ten que dotalo dos servizos públicos necesarios (guindastre, servizo de estiba, facilitar chan industrila,...etc) para garantir todo tipo de tránsito marítimo e actividade industrial, que contribúa a viabilidade das fabricas en definitiva garante dun futuro industrial xerador de emprego na comarca”.