Venres. 29.05.2020
El tiempo

#10anosQPC con Dani Cerqueiro: “Cando escoitei a Louzan dicir que dimos voz á sociedade civil da Costa da Morte sentinme orgulloso”

#10anosQPC con Dani Cerqueiro: “Cando escoitei a Louzan dicir que dimos voz á sociedade civil da Costa da Morte sentinme orgulloso”
No marco dos #10anosQPC queremos mirar un pouco para dentro, e para iso imos abrir unha serie de entrevistas para coñecer mellor aos que forman parte deste proxecto de comunicación. E temos que comezar polo principio. Naquel xullo de 2007, na pequena e singular empresa corcubionesa Galinus, Taller de Novos Medios, Dani Cerqueiro e Javier Calaza soñaron cun medio libre e alternativo na Costa da Morte. Por que non? Hoxe falamos con Daniel, hoxendía un gurú das novas tecnoloxías ofrecendo as súas codiciadas charlas por toda a península, para coñecer como foron os inicios deste pequeno diario: Dani Cerqueiro un dos creadores de Quepasanacosta-Foto-Pablo Candamio Dani Cerqueiro, un dos creadores de Quepasanacosta-Foto-Pablo Candamio
  • QPC: Primeiramente, como chega un herculino a Corcubión?
Como case todo o importante, cheguei por amor. A miña muller, Irene (que naquel momento era a miña moza) atopou o seu primeiro traballo (ela é veterinaria) en Cee. Era o 2001, e eu estaba en Ourense facendo a tese, e comecei a visitar a bisbarra para vela a ela. E despois duns anos indo as fin de semanas, gustounos tanto que decidimos quedar e montar aquí o proxecto de Galinus.  
  • QPC: Como se vos ocorre a idea, ou necesidade, de crear QPC?
A idea xurdiu durante a vaga de lumes do 2006. Toda a Costa da Morte ardeu durante unhas semanas, e nos sentimos moi mal informados. Só había un medio que informase máis ou menos en tempo real, como era Radio Nordés, pero era imposible seguir información actualizado de todo o que estaba a ocorrer desde internet. Non parecía que estivéramos no século XXI. Entón comezamos a pensar na necesidade de axudar a vertebrar a Costa da Morte a través dun medio puramente online que se centrase nese territorio.  
  • QPC: Criades naquel momento que QPC podería durar 10 anos?
Sinceiramente, creíamos, e polo que vemos non estábamos tan equivocados, que había un espazo para un medio online hiperlocal que se alimentase das informacións dos propios cidadáns. Pero nunca pensamos tan lonxe como para crer que 10 anos despois, QPC estaría onde está.  
  • QPC: Cales cres que poden ser as claves do éxito de QPC?
Penso que o enfoque era o adecuado, e o oco informativo estaba aí. A Costa era un espazo informativo por vertebrar, e nós soubemos velo. Pero sen dúbida, a clave principal é que dimos coa persoa adecuada que soubo sacar adiante o proxecto. Sen Ubi e a súa capacidade para crear comunidade (ademais de traballar arreo) sería imposible todo o que se conseguiu.  
  • QPC: Volvendo aos aspectos máis sociais, como acolle Corcubión unha empresa como Galinus e un proxecto como QPC nos primeiros 3-4 anos?
Pois houbo de todo. Por un lado contamos co apoio e simpatía de moita xente pero tamén notamos que a nosa liberdade, o feito de que non éramos de ningún “bando” nin dependíamos de ningunha forza fáctica da Costa, fixo que outra xente nos vise con desconfianza.  
  • QPC: Lémbrasnos algunhas das accións sociais máis singulares que fixo a familia Galinus?
Eu recordo con moito cariño un dos Encontros de Colaboradores de QPC, onde xuntamos a case 100 persoas que colaboraban dalgunha maneira co xornal. Recordo a José Luis Louzán dicir que aquelo era a “a sociedade civil da Costa da Morte”, e que por fin tiña un espazo para mostrar a súa voz. Recoñezo que me sentín moi orgulloso de ter contribuido a ese feito. Tamén recordo os vídeos e performance que montamos, especialmente a acción no mercado de Cee (Galinus no mercado), ou o “documental” de Somos Nós, onde entrevistábamos a xente da Costa para que nos contara que pensaba de nós… Somos Galinus from Galinus, Taller de Novos Medios on Vimeo.  
  • QPC: A nivel particular, que importancia tivo a “exótica” (para a Galicia urbana) experiencia costeira para situarse no mapa das TICs galegas?
Ser os de Corcubión foi unha imaxe de marca para o proxecto. Nós éramos en moitas cousas unha empresa “diferente”, e estar a 13 kms do fin da terra era un feito diferencial máis que reforzaba ese posicionamento. De feito, nós tivemos moi poucos clientes na Costa, sendo a maioría das grandes cidades galegas. E sabemos que nos elixían en parte por esa singularidade.  
  • QPC: Despois da túa experiencia empresarial en Galinus, pasaches á familia carballesa de Abertal, unha das empresas máis veteranas nas NNTT da Costa da Morte e de Galicia.
Si, cando o proxecto de Galinus tocou ao seu fin, a principios do 2012, fun chamado por Manuel Pan para traballar xunto a él en Abertal. A verdade é que foi moi sinxelo incorporarse a un proxecto con bastantes semellanzas con Galinus.   Dani Cerqueiro dando unha das suas charlas en Inventatucomunicacion Dani Cerqueiro dando unha das súas charlas en Inventatucomunicacion
  • QPC: Agora, feito un gurú das novas tecnoloxías en Galicia, das charlas por toda a península e traballas nunha empresa punteira a nivel nacional. Cóntanos como evoluciona a túa carreira.
Pois a verdade é que estou encantado da situación na que me atopo agora, xa que podo aplicar toda a experiencia acumulada a dous proxectos ben interesantes:
  • Enxendra, unha empresa tecnolóxica de certificación electrónica de documentación, na que me encargo do área de márketing e soporte.
  • Phottic, unha startup de recuperación da memoria fotográfica na que son un dos socios fundadores.
Ademais diso, colaboro con Startup Galicia, un colectivo de emprendedores galegos que traballa para mellorar as condicións de Galicia como ecosistema emprendedor, e fago algunha actividade de difusión e formación relacionado co márketing e a transformación dixital das empresas.  

Máis información

Fonte

comentarios