Venres. 11.10.2024
El tiempo

As praias de Corcubión, libres de fume

As praias de Corcubión, libres de fume
Jesús Vázquez Almuiña, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, no acto de entrega do Diploma de Ouro ao concello de Corcubión, por estar todas as súas praias libres do fume do tabaco

Boa iniciativa a de Corcubión a de deixar as súas praias libres de tabaco. Así, a día de hoxe nos areais de Quenxe, Santa Isabel, O Castelo e A Coviña non se pode fumar. Unha iniciativa que vén de ser recoñecida polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que entregaba esta fin de semana ao alcalde de Corcubión, Manuel Insua, o galardón na categoría de ouro da iniciativa Praias sen Fume da Consellería de Sanidade.

“Que a mocidade saiba que o normal é non fumar é un dos obxectivos da rede. Ampliar a delimitación do consumo ás praias, ámbito que non recolle a normativa actual, fainos avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco, converténdose este entorno da praia en educativo e preventivo”, salientou o Conselleiro.

A Rede galega de praias sen fume, conta con 46 praias de 27 concellos, e nace cun fin educativo e de sensibilización social. A intención é “conseguir que nos vindeiros anos todas as praias do noso litoral formen parte da rede é un reto que só acadaremos coa implicación de toda a cidadanía galega”.

Na bisbarra tamén temos algunha outra praia libre de tabaco como a praia da Cruz (Muxía).

Praias de Corcubion libres de tabaco 2

8 postos de traballo

Paralelamente BOP publica o pasado venres as bases para a selección de catro operarios de limpeza de praias, tres peóns para a brigada medioambiental e un técnico de turismo.

Para optar a estes postos de traballo é indispensable acreditar a condición de demandante de emprego e ter máis de 16 anos. Ademais, darase prioridade ás persoas con dificultades para a integración laboral, coma os maiores de 45 anos, os parados de longa duración ou as persoas con discapacidade.

No caso dos aspirantes á brigada medioambiental e á limpeza de praias, tamén puntuará a formación e experiencia laboral, e deberán realizar tres probas: unha sobre lingua galega, outra sobre coñecementos teóricos en xardinaría e medioambiente e un último exercicio práctico.

Doutra banda, para optar ao posto de técnico de turismo establécese coma condición indispensable estar en posesión do título de Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turística, Técnico en Empresas e Actividades Turísticas, Grao ou diplomatura en Turismo, Grao ou licenciatura en Historia, Historia da Arte, Humanidades ou Xeografía e Ordenación de Territorio. A fase de oposición consistirá na realización dunha proba de lingua galega, outra sobre coñecementos teóricos de turismo e o xeodestino Costa da Morte e unha última sobre práctica profesional.

Fonte

  • Xunta.

Comentarios