martes. 03.02.2026
El tiempo

O marisqueo de Camariñas e Corcubión foron protagonistas na Comisión de Pesca do Parlamento

Paloma Castro PSOE Angeles Suarez PP e Oscar Insua BNG no Parlamento
A socialista Paloma Castro, a Directora Xeral de Pesca Ángeles Suárez e o deputado do BNG Oscar Insua protagonizaron o debate no Parlamento
O marisqueo de Camariñas e Corcubión foron protagonistas na Comisión de Pesca do Parlamento

A Comisión de Pesca do Parlamento Galego (podedes ver o debate na súa mediateca) tivo hoxe como principal protagonista o marisqueo da Costa da Morte. A grave situación do marisqueo camariñán e a falta de avances nas técnicas de mergullo na ría de Corcubión foron os temas levados por PSOE e BNG, respectivamente.

O Plan Integral do Marisqueo de Camariñas

A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe á Xunta un Plan integral de recuperación da produción marisqueira na ría de Camariñas, ante o que consideran unha “caída histórica” da produción. “Os datos son incontestables e demoledores”, asegurou, e revelan unha caída do 85 por cento na produción de bivalvos na ría dende 2010, cunha caída de capturas e facturación dun 70 por cento só no último ano. E non é unha cuestión illada, engadiu, xa que zonas como a Costa da morte, Barbanza e Muros – Noia a caída chega ao 76 por cento nas capturas e o 73 por cento na facturación, e a produción de berberecho no estuario do Anllóns pasou de 38.000 a 9.600 quilos nun só ano.
Ante isto, Castro reclamou a antención da Xunta para un sector que considera “abandonado, invisibilizado e castigado” polo desleixo do goberno galego, e preguntou polo medidas de apoio económico, dotación de semente e o informes científicos do estado de saúde da ría.

Respondía a Directora Xeral de Pesca, Ángeles V. Suárez, asegurando que “os calificativos do PSOE non responden á realidade”, asegurando que a Consellería mantén unha “xestión sólida” da situación, avalada polo coñecemento científico e técnico” e baseada “na situación socioeconómica dos traballadores do mar”. A directora xeral recoñeceu que as rías galegas sofren un mal momento en canto á mortandande dos vivalvos, aludindo “a diversos factores antropoxénicos, ambientais, meteoroloxicos e oceanográficos” como posibles causas, se be vvolveu aludir aos fenómenos meteorolóxicos producidos nos anos 2013-2014 e 2023-2024 como causantes principais da caida da produción, pero asegurou que houbo axudas, e traballos de monitorización dos bancos, a remoción do substrato e limpeza das zonas indicadas, a toma de mostras de sedimento para a súa caracterización granulométrica, ademais da subministración de máis de 1.100.000 de unidades de ameixa -babosa, xaponesa e fina- desde o 2022 ata o 2025.

Pola súa banda, a socialista esixiulle á Consellería de Pesca “autocrítica, asunción de responsabilidades e solucións concretas con prazos” para poñer en marcha políticas de adaptación, plans de rexeneración e axudas inmediatas que salven ás 120 familias de Camariñas que dependen dos ingresos para sobrevivir e que levan meses sen ver un euro. Acusou ao goberno galego de “negar a realidade” para non afrontar unha verdadeira “emerxencia social” nesta ría, considerando as medidas realizadas como “puntuais, electoralistas e insuficientes”.

A directora xeral avanzou que xa se está a tramitar a adaptación do plan de xestión consistente na suspensión da actividade, solicitado polo pósito, así como a posta en funcionamento doutras axudas e iniciativas ás que esta confraría tamén se pode acoller. Trátase das achegas para proxectos colectivos de pesca costeira artesanal e a encarga a medio propio no marco do proxecto de conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. As primeiras, dotadas con 6.570.000 euros e, as segundas, con 1,5 millóns. Por outra banda, as mariscadoras da zona tamén se poderán beneficiar da prestación por cese de actividade como traballadoras que cotizan no Réxime Especial de Traballadoras do Mar.

O mergullo de Corcubión

De seguido, foi o deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, o que levou á Comisión a reactivación do plan de explotación marisqueira en Corcubión e a revisión da normativa que impide o mergullo con aire en superficie para poder así avanzar no aproveitamento dos recursos marisqueiros na ría, dado que as limitacións normativas, “frean o desenvolvemento económico e a creación de emprego nun sector xa duramente castigado pola crise”, advertiu.

Acusou o PP de negarse a avanzar nas técnicas para poder explotar ameixa e ameixón entre 5 e dez metros coa técnica de mergullo, malia que, tal e como propón o sector, favorece as condicións de saúde no traballo e, ademais, non compiten con mariscadores e mariscadoras a pé ao non ir á mesma profundidade. En todo caso, “non impide que poidan coexistir plans de mergullo con raño”, sinalou o deputado nacionalista.

A propia Directora Xeral de Pesca limitouse a trasladar que “os datos evidencian o bo funcionamento do sistema actual, pois os mergulladores dos pósitos de Corcubión, Fisterra e Lira aumentaron os seus ingresos en máis dun 200 % no período 2016-2025 en comparación co período 2011-2015”. A este respecto, tamén indicou que non hai solapamento de recursos, en tanto en canto a explotación a pé de ourizo ocorre na zona intermareal, mentres que o mergullo funciona na zona submareal, polo que, engadiu, ”non hai conflitos de uso e existen alternativas viables no marco actual”.

O deputado nacionalista lamentou que, malia a existencia de recursos mariños con potencial na zona, o Goberno do PP non aprobase un plan de explotación que permita a súa extracción de forma regulada, o que supón –dixo– “perder unha oportunidade para manter e crear postos de traballo nun ámbito sen remuda xeracional e en franca recesión”. Preguntoulle ademais á directora xeral de Pesca, se considera “racional” escusarse exclusivamente en que a prohibición de apañar ameixa ou ameixón a determinada profundidade coa técnica de mergullo se ampara na lei, porque, engadiu, a” lei pode cambiarse, para iso estamos aquí, para mellorar a vida das persoas traballadoras do mar”, recalcou.

Máis novas

Comentarios