Corcubión conciencia: “Non botes lixo, aquí comeza o mar”

Na mesma liña que a campaña que se desenvolve en Camariñas con Mar de Fábula, o Concello de Corcubión vén de lanzar unha campaña de concienciación ambiental moi básica e necesaria: o lixo que se tira nos sumidoiros das augas pluviais.
Baixo o lema “Non botes lixo, aquí comeza o mar”, nenos e nenas do CPR Nuestra Señora del Carmen de Fisterra —gañadores de varios premios medioambientais— e do CEIP de Corcubión percorreron as rúas de Corcubión reivindicando as boas prácticas medioambientais e recordándonos a todas e todos que a auga é o recurso máis valioso que temos no planeta.
Durante a actividade, os estudantes participaron na instalación de placas informativas nos sumidoiros co lema da campaña, para lembrarnos que o que tiramos ás rúas ou ás reixas acaba no mar, contaminando a nosa costa e o noso futuro.
A xornada completouse cunha visita á oficina de Augas Potables de Corcubión-Cee, S.L., onde os técnicos ofreceron unha pequena charla formativa sobre as consecuencias negativas de verter nos inodoros das vivendas lixo, aceites industriais, toalliñas húmidas e outros residuos. Estes materiais provocan atascos na rede de saneamento, o que supón un grave problema tanto para o medio ambiente como para a economía municipal, incrementando os custos de mantemento e depuración das augas.