Corcubión xa se rixe por un Regulamento de Participación Cidadá
Aparecía en plena escena electoral a a proposta anónima Agora/Ágora, unha idea que nace na Costa da Morte para o mundo, e que pretende facilitar un procedemento para a Participación Cidadá nas decisión municipais, as máis cercanas aos veciños e nas que, a priori, sería máis sinxelo levalo a cabo. “É no nivel local onde o dereito á participación pode ser mellor exercitado, e onde é mais fácil a evolución da democracia representativa á democracia participativa”.
Seguen esperando os anónimos veciños pola resposta dalgún partido que se faga eco e faga seu a proposta Agora/Ágora, mentres xa houbo algún que se adiantou. falamos do de Corcubión, que o 23 de marzo de 2015 aprobaba, por unanimidade. Unha moción presentada polo BNG e o apoio de PP e PSOE, dando como resultado “un instrumento normativo exemplar para a evolución da democracia representativa á democracia participativa”.
Polo de agora non se ten levado a cabo, pero a intención é ir facendo partícipe á poboación deste regulamento, que entrou en vigor xa este pasado 2 de abril. Evidentemente, as Eleccións Municipais deixan algo en pausa o programa pero de seguro que á volta dos plenos os veciños poderán participar na política, máis que esa xornada de votación cada 4 anos.
Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Corcubión
Repasamos o Regulamento que nos achega o BNG local, que comeza lembrando que “a institución municipal constitúe o órgano de administración máis próximo aos cidadáns e na que de xeito máis directo poden ser efectivos os lexítimos dereitos destes a participar na toma de decisións sobre todos aqueles asuntos que afectan á comunidade municipal”.
Valora que “para que este mecanismo funcione é preciso que a instancia política fomente a participación, a información e a transparencia na xestión, facendo así do Concello un ente aberto e democrático no que a cidadanía sinta o deber cívico de cooperar coa institución municipal na mellora das súas condicións de vida e no progreso socioeconómico do seu territorio, así como a acceder en condicións de máxima transparencia ao coñecemento da xestión e das decisións que no seu nome adoptan os seus representantes”, esixindo un “Concello aberto e democrático”.
O regulamento rexirá “a participación cidadá co recoñecemento expreso dos dereitos dos veciños/as e das entidades nas que se organizan, nomeadamente, as asociacións veciñais, as entidades deportivas, culturais, xuvenís, sindicais, de protección ambiental, de igualdade da muller, profesionais, empresariais, etc. que desenvolven a súa actividade no Concello”.
Son 15 os Artigos que leva este regulamento, que así resumimos:
- Artigo 1. Dereito á participación: Todas as persoas teñen dereito a intervir na xestión dos asuntos públicos locais directamente ou mediante asociacións cidadás utilizando os órganos e canles de participación establecidos nas leis e neste regulamento.
- Artigo 2. Dereito á información: Todas as persoas teñen dereito a recibir información das actividades e servizos municipais, acceder aos arquivos públicos municipais e utilizar todos os medios de información xeral establecidos polo Concello.
O Concello facilitará o exercicio deste dereito e creará as canles de información xeral. Cando circunstancias de interese público o aconsellen e previa conformidade do órgano municipal competente, remitiranse a toda a poboación residente no municipio os acordos e disposicións municipais, sen prexuízo da preceptiva publicación nos Boletíns Oficiais.
O Concello informará aos veciños/as a través dos medios de comunicación social, especialmente a través dos medios de titularidade públicas actuais e futuros, mediante a edición de publicacións, páxina web do Concello, folletos e bandos; colocación de carteis, taboleiros de anuncios, paneis informativos ou outros medios que se consideren necesarios; ao mesmo tempo poderá recoller a opinión non vinculante dos veciños/as e asociacións. - Artigo 3. Dereito de petición: Todas as persoas teñen dereito a facer peticións ou solicitudes, suxestións ou iniciativas ao goberno municipal en materias da súa competencia ou pedir aclaracións sobre as actuacións municipais, sen máis limitacións que as establecidas polas leis.
O Concello acusará recibo da petición no prazo máximo de 10 días e admitiraa a trámite, a non ser que concorran algunha das causas seguintes: a) Insuficiencia da acreditación do peticionario ou peticionarios. No primeiro caso darase un prazo de 15 días para emendar a carencia de acreditación, transcorrido o cal entenderase desistido o procedemento; b) O obxecto de petición non é competencia do Concello. Neste caso informarase desta circunstancia ao solicitante nun máximo de cinco días; c) A petición ten un trámite administrativo específico; d) A inadmisión por calquera outra causa será obxecto de resolución motivada no prazo de 45 días, a contar a partir do seguinte á data de presentación da petición.
Se é admitida a trámite, o Concello deberá responder ao peticionario nun prazo máximo de 3 meses informando. - Artigo 4. Dereito de audiencia: Todas as persoas teñen dereito a ser oídas na tramitación dos procedementos ou na realización de actuacións municipais nos que se manifeste un interese lexítimo.
- Artigo 5. Dereito á iniciativa cidadá: Os veciños poderán exercer a Iniciativa Popular presentando propostas de acordos, actuacións ou proxectos de regulamentos en materias de competencia municipal. Ditas iniciativas deberán ir subscritas como mínimo polo 20% dos veciños con dereito a voto. Deberán ser sometidas a debate e votación no Pleno, sen prexuízo de que sexan resoltas polo órgano competente por razón da materia.
- Artigo 6. Dereito a presentar queixas, reclamacións e suxestións: Todas as persoas teñen dereito a presentar queixas, reclamacións e suxestións respecto da actividade municipal e dos servizos públicos locais, sen prexuízo do seu dereito a interpor os recursos administrativos ou xurisdicionais pertinentes.
- Artigo 7. Dereito de intervención nos Plenos Municipais por Asociacións: As sesións do pleno son públicas. Non son públicas as sesións da Xunta de Goberno Local (de existir) nin das Comisións Informativas.
Cando algunha das asociacións ou entidades debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, desexe efectuar unha exposición perante o Pleno en relación con algún punto da orde do día co cal se poida estimar que teña interese específico en razón a relación co obxecto social estatutario no que interveña como interesado, poderá expoñer o seu parecer, a través dun único representante, con anterioridade á lectura, debate e votación da proposta incluída na orde do día. Para os efectos anteriores, a solicitude dirixida ao alcalde deberá presentarse no Rexistro municipal cando menos con un día hábil de antelación á celebración do Pleno, debendo constar nela unha sucinta motivación do pedimento así como os datos da persoa que, de ser autorizada, realizaría a exposición. A Alcaldía, unha vez consultados os portavoces dos grupos municipais, autorizará ou denegará o solicitado. De ser concedida, a exposición realizarase nunha única intervención, nun tempo que, en función do asunto a tratar, fixará previamente o Alcalde e que, en ningún caso será inferior aos cinco minutos. En cada Pleno haberá un máximo de dúas intervencións. Acabada a sesión do Pleno, o alcalde ou alcaldesa poderá establecer unha quenda de rogos e preguntas co público asistente sobre temas concretos de interese municipal. Corresponde ao alcalde ou alcaldesa ordenar e pechar esta quenda. - Artigo 8.- Dereito a intervención nos Plenos por persoas inscritas no censo electoral: Tódalas persoas físicas inscritas no censo electoral teñen dereito a intervir nas sesións ordinarias do Pleno, unha vez levantada a sesión, quedando polo tanto fora da acta de sesión, de acordo coas prescricións seguintes: a) A intervención terá que ser solicitada á Alcaldía por escrito con unha antelación mínima de 1 día hábil previo á realización da sesión, por medio de escrito debidamente motivado. b) O número máximo de intervencións en cada sesión será de dúas elixidas por orde de rexistro. c) A Alcaldía poderá denegar a intervención nos seguintes casos: I). Se é un asunto sobre o que o Concello non ten competencias. II). Se xa se presentou noutra sesión outra petición sobre o mesmo ou similar asunto nos tres meses anteriores. d) A persoa solicitante disporá de dez minutos para facer a súa intervención despois de finalizada a sesión. Poderá ser contestada polo Alcalde ou concelleiro competente, sen que poida haber dereito de réplica do solicitante.
- Artigo 9. Dereito á consulta popular ou referendo: Todos os cidadáns e cidadás inscritos no Censo electoral teñen dereito a ser consultados directamente sobre asuntos do seu interese, así como promover a consulta popular ou referendo de asunto en materia municipal.
- Artigo 10. Dereito a unha política municipal de fomento das asociacións: Todas as persoas teñen dereito a que o Concello impulse políticas de fomento das asociacións a fin de reforzar o tecido social do concello e para o desenvolvemento de iniciativas de interese xeral. O Concello, na medida das súas posibilidades, favorecerá o desenvolvemento das entidades e asociacións de participación cidadá.
- Artigo 11. Dereito de reunión: Todas as persoas teñen dereito a usar os locais, equipamentos e espazos públicos municipais para exercer o dereito de reunión sen máis condicionantes que os derivados das características do espazo e as ordenanzas municipais.
- Artigo 12. Promoción efectiva dos dereitos de participación: O Concello promoverá o exercicio efectivo dos dereitos de participación que se regulan neste regulamento, removendo os obstáculos que impidan a súa plenitude.
- Artigo 13. Os medios de comunicación locais. A Radio Municipal: O Concello fomentará o acceso á radio municipal dos/as cidadáns/as e asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. Para facilitar o uso dos medios de comunicación municipais estableceranse canles e prazos, segundo as características do medio e o interese manifestado. Procurarase especialmente dar a coñecer os proxectos e actuacións de interese municipal, os períodos de información pública e a axenda de actividades.
Na medida que o permita a súa capacidade económica e técnica, o Concello promoverá a radio municipal, a radiONeria e a difusión de espazos nos que, ademais da información do Concello, se poidan facer debates e consultas aos responsables políticos respecto das cuestións de competencia municipal e de interese local, solicitar a opinión dos diferentes axentes sociais e facer difusión dos actos e procesos de participación cidadá que se produzan. - Artigo 14. A páxina web municipal e o correo electrónico cidadán: Na medida das súas posibilidades o Concello porá a disposición da cidadanía a páxina web onde se poderá informar das actuacións de interese xeral, dos acordos dos órganos de goberno e do Pleno Municipal, así como dar a coñecer a rede asociativa local e a axenda de actividades máis relevantes para o municipio.
- Artigo 15. Ordenanza xeral de subvencións: O pleno Municipal deberá aprobar unha Ordenanza Xeral de Subvencións, onde ademáis doutros, se estipulen os criterios xerais e concretos polos que as asociacións e entidades locais rexistradas teñen dereito á presentación de solicitudes que conleven á posible concesión dunha subvención para desenvolver a actividade propia do seu obxecto social.
Novas interesantes
- Agora/Ágora, unha proposta anónima de participación cidadá dende a Costa para o mundo electoral.
- Todas as Listas do #24M.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Información do BNG de Corcubión.