Corcubión inicia unha campaña de recollida de firmas para reclamar á Xunta que abra o Centro de Día

Boa acollida tivo a reunión informativa convocada este venres polo Concello de Corcubión para informar do estado do proxecto do Centro de Día de Corcubión. Con todo, non estiveron presentes os membros da activa Plataforma Xuntos polo Centro de Día, que levan axitando o asunto nos últimos meses dende a sociedade civil. Si acodiu Luís Corral, un membro do colectivo, pero a título persoal, pois o resto da plataforma decidiu non acodir ao non seren invitados formalmente.

O equipo de goberno informou á veciñanza do estado da situación, sinalando que xa teñen realizado os trámites esixidos pola Xunta, e que cargou contra o goberno autonómico por ter asegurado que Corcubión non solicitara formalmente o centro.
O alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez Traba, afirmou que “dende o equipo de goberno seguimos firmes co compromiso de abrir o Centro de Día e de que o Consorcio Galego de Benestar asuma a súa xestión, e volvemos a pedir unha cita coa conselleira de Política Social, que ata o de agora non tivo a ben recibirnos”.
O goberno destaca, así mesmo, que é necesario que a Xunta xestione “un Centro de Día público de calidade, para que ninguén quede atrás, e todos e todas teñan as mesmas posibilidade de acceder a este servizo, teñan a pensión que teñan, e sexa cal sexa a súa situación económica”. "Existe un clamor do pobo de Corcubión demandando este servizo tan importante, esperemos que nos escoiten".
Recollida de sinaturas
O equipo de goberno do Concello de Corcubión vén de anunciar que inicia unha campaña de recollida de firmas para demandar á Xunta que abra e xestione o Centro de Día no edificio que dende hai anos está listo para tal fin. O executivo municipal vai pór a disposición da veciñanza, para ser asinado, un escrito nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade. Ademais, organizará operativos na Praza Castelao para acadar firmas, que logo serán entregadas na Consellería de Política Social.
Unha recollida que xa foi proposta no seu día pola Plataforma, dende onde esperan que sexa de índole comarcal.
Histórico do Centro de Día
- Marzo 25: O Concello de Corcubión asegura que xa ten realizado os trámites que pide o Consorcio para o Centro de Día
- Marzo 25: O Centro de Día de Corcubión poderá ser unha realidade se a xestiona unha entidade social
- Febreiro 25: A Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión comeza unha campaña para conseguir apoios institucionais.
- Novembro 2024: "Negar os centros de día é unha forma de violencia e de maltrato ás persoas dependentes”.
- Xullo 24: O Concello de Corcubión volve a denunciar a negativa da Xunta a abrir o Centro de Día.
- Outubro 23: O PP rescata a petición de Sempre Corcubión e pide convertir o edificio do Hotel El Hórreo nunha residencia de maiores.
- Novembro 21: Sempre Corcubión volve pedir a creación dunha residencia de maiores pública e comarcal.
- Abril 2021: Propoñen adquirir o Hotel El Hórreo e convertilo nunha Residencia comarcal para maiores
- Decembro 2020: O eterno retraso do Centro de Día de Corcubión volve ao Parlamento.
- Febreiro 2020: “Na Road Trip Protesta a Rianxo aprendimos que un Centro de Día é posible, e significa dignificar aos maiores”.
- Outubro 19: Boca de Sapo presenta 1.000 sinaturas para esixir a apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Xullo 19: Un berro silencioso, e medieval, pola apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Maio 2019: Corcubión enteiro sae á rúa polo Centro de Día.
- Maio 19: A cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de DíaA cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de Día.
- Camariñas, Corcubión e Ponteceso valoran o si da Xunta ao Centro de Día de Malpica.
- Outubro 2018: A Xunta volve negarse a poñer en marcha o Centro de Día de Corcubión.
- Outubro 2018: “Os técnicos de Servizos Sociais da comarca de Fisterra trasladaron á Deputación a necesidade de abrir o Centro de Día de Corcubión”
- Setembro 2017: O BNG critica a postura da Xunta co centro de día de Corcubión.
- Setembro 2017: A Xunta rexeita a abrir o Centro de Día de Corcubión
- Novembro 2015: O BNG de Corcubión pregunta polo esquecido Centro de Día.
- Maio 2014: O Centro de Día de Corcubión ve a luz.
- Xaneiro 2013: O BNG de Corcubión denuncia un novo retraso nas obras do Centro de Día
- 09-03-11: O BNG de Corcubión pide á Deputación financiamento para rematar o Centro de Día.