Corcubión aproveita a visita da Delegada da Xunta para lembrarlle a esixencia do Centro de Día

Aproveitou o Concello de Corcubión a visita da Delegada da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, para entregarlle un escrito no que se resumen unha serie de demandas do executivo municipal ao Goberno galego. A subdelegada chegaba á vila de San Marcos para poñer en valor as recén rematadas obras na Praza de San Antonio e Rehabilitación da Capela do Pilar, e acabou levando unha longa lista de deberes para San Caetano.
Durante a visita, estivo acompañada polo rexedor Francisco Domínguez Traba “Drok”, o concelleiro Francisco Santiago López, o voceiro do PP, José Domínguez Buiturón, e o edil de Sempre Corcubión, Alfredo González.
A principal petición do grupo de goberno corcubionés non podía ser outra que a apertura e xestión do Centro de Día por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, no edificio que desde hai anos está preparado para acoller este servizo, e que daría acollida a 22 prazas para persoas dependentes.
O escrito de demandas recolle ademais a axilización das xestións para a construción do Porto Mixto na ría de Corcubión, lembrando que xa existe un proxecto de Portos de Galicia para tal fin.
A humanización da estrada autonómica AC-445, á altura do casco urbano de Corcubión, así como a mellora da seguridade para peóns en dita vía ao seu paso polo lugar de Amarela, son outras das reclamacións á Xunta do equipo de goberno corcubionés, que incidiu en que este último lugar é unha zona por onde transcorre o Camiño de Santiago.
O executivo local tamén pide a asunción por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da xestión e financiamento da escola infantil municipal, incorporándoa á Rede de Escolas Infantís de Galicia. A este respecto, o alcalde de Corcubión lembrou que na actualidade é levada directamente polo Concello de Corcubión, e o seu custo ascende a 67.139 euros anuais.
Por último, o alcalde de Corcubión avanzou que solicitarán á Xunta que constrúa vivendas de promoción pública usando terreos de titularidade municipal cedidos polo Concello de Corcubión ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
As intervencións

A Delegada quixo recordar que as obras de rehabilitación sustentable da capela do Pilar para o seu uso como sala de exposicións, contaron cunha axuda da Xunta de máis de 63.000 euros, mentres que a mellora da accesibilidade ao campo de San Antonio que contou cunha achega de 50.000 euros.
A actuación na Capela do Pilar, convertida en epicentro socio-cultural da vila, estivo encamiñada á rehabilitación sustentable, mediante a substitución do sistema de calefacción existente no interior do edificio, formado por emisores eléctricos, por un sistema de calefacción por solo radiante con xeración da calor a través dunha bomba de calor aire-auga, máis eficiente e invisible. Ademais, substituíuse a instalación eléctrica por unha nova adaptada á normativa actual, e renovouse a iluminación con LEDs.
Así mesmo, para aumentar a vida útil do edificio levouse a cabo a substitución dos elementos de madeira (porta exterior e vestíbulo de acceso). En canto á porta exterior, renovouse con unha nova de madeira de similar deseño, utilizando as pezas de suxeición da orixinal. Finalmente, tamén se levou a cabo a reparación das gretas e desconchados existentes nos elementos estruturais e solucionáronse as patoloxías existentes no soporte da campá.

En canto á mellora da accesibilidade ao campo de San Antonio, a actuación centrouse no único espazo de esparcemento na zona norte de Corcubión, mellorando a accesibilidade da cidadanía a este recurso turístico do casco histórico, declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Levouse a cabo a demolición dos chanzos, dos bordos, do pavimento e do elemento de protección existentes; dispoñendo novos elementos de pavimentación, protección e mobiliario urbano máis acordes coas características do lugar . Creouse un espazo de circulación pavimentado en torno ao cruceiro, que queda dentro dunha zona verde central, protexéndoo e dotándoo dun carácter escultórico. O trazado dos diferentes pavimentos xurdiu dunha xeometría concreta a partir das rúas Salvador Allende e Perigos, mantendo como premisa a total accesibilidade neste espazo.