Denuncian o inconcibible estado de abandono das instalacións dos Xulgados de Corcubión
Traballar en estas condicións debe ser complicado. Así o entende o sector de Xustiza da CIG, que vén de denunciar o estado deplorable no que se atopa o edificio xudicial de Corcubión. Para a CIG, resulta “inconcibible” que a pesar das reformas integrais no ano 2005, once anos despois, as dependencias teñan “estas deficiencias tan severas”.
As roturas de tubaxes son constantes e provocan fugas de auga en diferentes estancias, a máis recente no despacho do fiscal, acontecida a semana pasada e que deteriorou parte do mobiliario e especialmente o falso teito, que presenta varios furados e está inchado en determinadas zonas.
Outras dependencias do edificio tampouco se libran das fugas. No xulgado número 1, situado no primeiro andar, rexistráronse no teito da oficina e, hai un ano, no despacho da xuíza. Porén, desde a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta non se fai nada para remediar esta situación.
Por outra banda, non son poucas as estancias que presentan focos importantes de humidade nas paredes. É o caso de varios puntos da oficina do xulgado número 1, da sala de vistas deste órgano ou do arquivo do edificio, situado no soto. As humidades, alén de provocar o desprendemento constante da pintura e de pór en risco o material informático e electrónico, constitúen unha ameaza para a saúde dos e das traballadoras.
A condución do aire condicionado tamén é deficiente. Non son infrecuentes as pingueiras por mor da condensación que produce o sistema de refrixeración do edificio. Nun cuarto anexo á oficina do xulgado número 1, onde se gardan parte dos expedientes e os libros de resolucións orixinais, houbo pingueiras a semana pasada. Meses atrás tamén apareceron na sala de vistas, na parte onde se sitúa o público. Amais, os condutos da calefacción provocan vibracións fortes que son perceptibles na oficina do xulgado número 2, situada no baixo.
Por todo isto, desde a CIG reclámanlle á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta que acometa as reformas necesarias para eliminar todo foco de humidade, condensación e vibracións do edificio.
Piden ademais un ascensor para comunicar o soto co resto do edificio, pois neste lugar é onde se almacenan expedientes e pezas de convicción (probas de xuízos penais), algunhas de grande tamaño.
E outra preocupación que roza o esperpento é a escaseza de papel hixiénico.
Estado de abandono dos Xulgados de CorcubionFonte
- CIG.