O equipo de goberno de Corcubión recoñece que é imposible teletraballar na administración local
Administración pública, conciliación e teletraballo. Son palabras que non maridan ben en todas partes. Se ben vemos que hai concellos que seguen traballando arreo para paliar, nas súas medidas, as consecuencias do coronavirus, outros non poden manter o ritmo dende casa. É o caso do Concello de Corcubión, onde os funcionarios seguen info ás oficinas para manter uns servizos mínimos para xestións urxentes e necesarias (con “algún retraso”). Fan quendas de traballo por departamentos e evitando o maior contacto físico posible, e cos medios protección (mascarillas, lubas e xel de mans).
Explican a decisión dende o goberno socialista falando claro sobre o “chamado teletraballo”. “Non queremos levar a engano a ninguén. Recoñecemos as limitacións do noso Concello. Levamos anos traballando coa Deputación da Coruña na implantación da administración electrónica. E temos avanzado moito nese ámbito, pero seguimos tendo moitas limitacións, tanto de medios técnicos como de persoal cualificado. Hai que lembrar que vivimos no rural, e a velocidade da rede (ADSL e demais) segue sendo moi limitada, tanto nas oficinas municipais coma nas nosas vivendas, desde onde se pretende teletraballar”.
Por tanto, conclúen, “cremos fóra de toda realidade pensar que as administracións podemos funcionar con normalidade mediante o traballo a distancia”.
En todo caso, dende o Concello si que queren “destacar especialmente os Servizos de Axuda no Fogar e de limpeza viaria e de edificios, e aos seus profesionais, que están traballando, como servizos esenciais, prácticamente con normalidade, con gran esforzo, eficacia e dedicación”.