Fernando Castro Paredes achega a súa premiada novela a Corcubión

Fernando Castro Paredes no Bela Fisterra-Foto-Víctor Hugo

Despois de presentala co gallo do 75 aniversario da Editorial Galaxia, Fernando Castro Paredes leva a súa nova obra “O lanzador de coitelos", a ta Corcubión. O mestre do IES Fernando Blanco debullará a novela recoñecida co Premio Galaxia este sábado 4 de outubro ás 12:00h na Casa da Cultura de Corcubión.

Estará acompañado por Marina Gómez Pose, profesora e escritora, e compañeira de andainas teatrais con varios grupos da comarca.

 

O argumento

Un sicario é contratado para raptar unha figura prominente das letras, un poeta húngaro emigrado a París. A operación terá un xiro inesperado e ambos os dous protagonistas acabarán confrontados co seu pasado. Con esta premisa arrinca O lanzador de coitelos, unha novela que parte dos códigos do thriller máis clásico para transcender o xénero cunha estrutura sofisticada e sedutora. A trama permitirá expoñer con eficacia un mundo de personaxes de identidades duplicadas e antagónicas. Unha obra que nos fala sobre a liberdade e a memoria, sobre o fracaso e a corrupción humanas e, tamén, sobre esa busca que emprendemos para descubrir quen verdadeiramente somos: vítimas ou verdugos.

Biografía do autor

Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) é profesor de Ensino Secundario. Desenvolve unha ampla actividade no eido do teatro escolar e afeccionado como coordinador da agrupación Tuéjele Teatro do IES Fernando Blanco de Cee e membro do grupo Farándula Velutina. Como dramaturgo, foi recoñecido con galardóns como o Premio Rafael Dieste, o Álvaro Cunqueiro e o Roberto Vidal Bolaño. Entre as súas obras destacan "A derradeira bala" (Editorial Galaxia, 2018), "Papiroflexia" (Editorial Galaxia, 2021), "Pallaso", "Sincronizadas" e "Ofelia ou o cabeiro da cóbrega". No ámbito narrativo, publicou "Miss Antropía" na colección Costa Oeste de Galaxia e en 2023 foi recoñecido co Premio García Barros por "Entomoloxía para misioneiros".

 

 

Máis novas