Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Manuel Vilar sitúanos en contexto para o Mercado Medieval de Corcubión

Manuel Vilar sitúanos en contexto para o Mercado Medieval de Corcubión
Manuel Vilar impartiu unha conferencia na Capela do Pilar de Corcubion

Nada mellor que ir poñéndonos en faena que unha boa charla histórica. Empeza esta fin de semana o Mercado Medieval Costa da Morte de Corcubión e a organización armou unha conferencia de Manuel Vilar o pasado venres na Capela do Pilar.

Unha conferencia en clave de reflexión, baixo o nome ”Costa da Morte: Co impulso da historia”, tendo a historia sempre como pano de fondo, sobre a Costa da Morte, ”entendendo que a mirada ao pasado ten que ser para encamiñar o futuro con forzas”. E este ir cara a adiante ten que partir dun coñecemento do territorio, nun momento no que a desterritorialización nos leva ao deserto cultural; nun momento de declive poboacional, que ameaza a nosa continuidade como comunidade e como cultura local. Este declive vai ter graves consecuencias para o noso futuro, non só porque se está rachando cun xeito milenario de habitar un territorio, senón porque estamos desaparecendo como sociedade e estase desertizando unha paisaxe que ten que ser referente vivencial. A toponimia, a flora e a fauna tamén axudan a crear un sentimento de lugar. O despoboamento leva a crear unha xeografía da inestabilidade e da deslocalización, deslocalización das persoas sen movelas do seu lugar, tan só baleirando este das referencias patrimoniais.

Partindo da idea de que o motivo que o que o levou a Corcubión foi a celebración dunha nova festa, do Mercado Medieval, Vilar quixo lembrar que ”este tipo de festas xorden nunha sociedade que mira ao pasado para buscar elementos de revitalización, de identificación e cohesión social”. “Toda festa é un acto social, importante e transcendente, unha paréntese necesaria no transcorrer do tempo, algo que racha a monotonía do vivir cotián e que nos transforma. Se hai festa hai unha sociedade viva”.

A Costa da Morte, un fisterra

Outra idea que quería tratar tiña que ver co sermos un fisterra. A lectura de Vilar deste concepto vai máis alá do xeográfico. Facendo unha breve análise desde a creación deste concepto de extremo da “oikouméne” no mundo clásico, servindo entón para poñer linde ao espazo real e colocar nel o marabilloso e fantástico, tamén o irrealizable. Os extremos eran lugares de descoñecemento e imaxinación. O descoñecido provoca temor. Quédanos ese fondo de misterio e mar perigosa. O negativo sobre o Océano é, en boa parte, unha herdanza do mundo clásico.

Vilar entende que ”logo esta situación serviu para xustificar un atraso histórico, cando o atraso ten que ver con políticas que precisan de periferias, e non só xeográficas. Pero os galeguistas aproveitaron esta situación para reivindicar un atlantismo que nos facía mirar cara ao norte, cara a pobos que tiveron un pasado en parte comparable en aspectos ao noso, pero sobre todo tiñan un presente coma o noso, presente que se quería imitar en moitos aspectos, entre eles no político e no modelo de identidade. E aí estaba Plácido Ramón Castro del Río, abrindo camiños polo mar cara ao norte. Ese atlantismo era unha forma de autoafirmación, idea política”.

Hoxe todos dicimos que somos da Costa da Morte, todo o mundo nos identifica cando dicimos que somos de aquí. O nome oficial, hai que recordalo, é Fisterra, nome de orixe latino que aparece no medievo.

A Costa da Morte é unha xeografía ampla, sen límites, máis ben unha xeografía entre referencial e simbólica. Os límites, como no mundo clásico, foron ancheándose co coñecemento. O nome Costa da Morte ten pouco máis de cen anos e a súa implantación non foi inmediata. Moitos prefería o de Costa Brava, termo que tamén utiliza o poeta muxián Gonzalo López Abente, pois Costa da Morte parecía tétrico. Antón Vilar Ponte, na crítica á obra de Linares Rivas, di: “antes, llamábasele ´costa de la muerte`; ahora, llamaránle también muchos costa de lobos”. Para este autor, tanto un nome coma o outro, non tiñan fundamento. “No es costa de la muerte, sino todo lo contrario, costa de la vida”. Consideraba o nome Costa da Morte como calumnioso.
A consolidación desta denominación, hoxe un patrimonio cultural, ten enviando ao faiado o milenario de Terra de Nemancos e que se chega a representar na cartografía de comezos da idade Moderna, nun momento de auxe do comercio atlántico.

Relación co mar

Outra reflexión de Vilar ía pola relación das vilas costeiras co mar, relación que ten que ver coa súa orixe e consolidación na idade Media. Hoxe esta relación estase transformando e a actividade pesqueira e comercial está desaparecendo, co significado social que ten de perda. Moitos dos tópicos relacionados co mar da Costa da Morte eran comúns a todo o Atlántico norte. Cousas que, como di esta autora inglesa, pasan cando a terra se encontra co mar e a xente coa traxedia humana.
Unha etapa nova comeza no contexto da guerra dos sete anos. Entón viuse que esta xeografía estremeira estaba nunha situación privilexiada, pero para o poder central o seu descoñecemento era total. Había que cartografala para coñecela e servir mellor aos intereses dunha política baseada aínda na chegada das remesas de prata de América. E se os barcos ingleses andaban poñendo os fociños habería que protexer esta costa.
Os tempos contemporáneos houbo iniciativas para que o mar seguise sendo un mar de progreso. Iniciativas privadas como a de Plácido Castro Rivas reivindicando a necesidade de balizar a ría de Corcubión, poñían de manifesto o abandono administrativo no que estábamos.
Pero esta porta quedou pechada coa guerra civil ao ser represaliada a clase social máis activa e comprometida. Este corte igualmente influíu nos estudos sobre nós, ao rachar iniciativas que intentaban asentar os estudos académicos, polo que non temos, por exemplo, unha tradición nos estudos etnográficos, que sería importante para o coñecemento de nós. A guerra civil, e posguerra, foi unha gran salto na desmemoria, no descoñecemento da realidade, do esquecemento do que había antes de nós. A desmemoria organizada é un crime perfecto para facilitar a manipulación.

Rematou Vilar coas palabras do filósofo francés, Michel Maffesoli: “Somos, ante todo, dun lugar, dun lugar que nos sobrepasa e cuxa forma nos forma, dun lugar que foi constituído por sedimentacións sucesivas e que conserva o sinal das xeracións que o formaron, e que dese modo se volve patrimonio. Todo iso son cousas que fai que o lugar se volva lugar.”

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios