Os neutróns do corcubionés Manuel J. Tello León, xa na Real Academia Galega das Ciencias
Como analizamos onte no seu extenso CV, é considerado impulsor de candidatura para instalar en España a fonte europea de neutrones por espalación. Tal é a repercusión de Manuel J. Tello León (Corcubión, 1944), no mundo da ciencia a nivel estatal que a Real Academia Galega das Ciencias o ingresaba como académico nun acto celebrado onte no Pazo de San Roque de Santiago.
Xunto a el, tamén María Soledad Soengas, Ana Cebreiro, Aníbal Ollero e Ángel Sanjurjo tamén son os novos numerarios.
No seu turno o catedrático de Física, e apadriñado polo académico numerario Félix Vidal, ofreceu unha reflexión sobre “a sutileza conceptual da ciencia e sobre a integración do coñecemento sensible (a ciencia) co coñecemento non sensible, tendo como punto de partida a perspectiva e o alcance do coñecemento captable”. “Nunha viaxe, case inimaxinable, polo mundo da ciencia descubrimos que o seu universo é inmenso, que todo se constrúe seguindo leis inmutables, e que esas leis parecen ser matemáticas” –enunciou–.
Segundo estas leis, Tello enumerou unha serie de teorías que explican “o coñecido e permiten facer predicións, xa que a diferencia da verdade espida, apuntou que o Universo, desde a súa xénese, escribiu na súa historia unha verdade única –infalible e inmutable–, aínda que pragada de enigmas e misterios e, por tanto, de incertezas”. “Esta posibilidade de misterios en ciencia sempre me estimulou a dedicar algún tempo á busca de argumentos que me permitiran encaixar a ciencia dentro dunha visión integral do home” –sinalou–.
Falou do “Discurso do Método” de Descartes onde introduce o razoamento analítico, os “problemas de Hilbert” e o teorema de Kart Gödel no que se conclúe que a indecidibilidade afecta á consistencia do sistema, é dicir, que é indemostrable a ausencia de contradición. “Unha ciencia experimental como a física pode, para avanzar, obviar esta conclusión, pero nunca poderá asegurarse que, no seu avance, non se contradirá a si mesma. Metaforicamente pódese dicir que a ciencia experimental descansa sobre un acto de fe, respaldado polos experimentos, pero sen valor absoluto. En definitiva, todo parece indicar que unha teoría nunca poderá ser completa e consistente á vez. Unha teoría da natureza non pode nunca ser final” –argumentou–.
Tamén falou en clave de futuro sobre o camiño “para que as máquinas que cheguen a pensar”. “Se existe o libre albedrío nunca poderán existir ordenadores plenamente intelixentes, que non serán capaces de dar resposta a unha situación imprevista". Tamén falou do "cientismo, que sostén que calquera problema, formulado cientificamente, ten ou terá solución e que a ciencia poderá responder a todas as preguntas.”
“Penso que o cientismo abócanos, inexorablemente, a un totalitarismo cultural e, por exemplo, se se elimina o libre albedrío desaparece a responsabilidade ética” –asegurou–.
En definitiva, Tello manifestou que “na busca dunha resposta ao sentido da vida inciden dúas sabedorías: o anhelo de comprender o carácter obxectivo da natureza –o maxisterio da ciencia– e a necesidade de definir o significado das nosas vidas xunto a unha base moral para as nosas accións”.