Piden o mantemento e mellora do servizo de Correos de Corcubión
- Curiosamente hoxe a vila de San Marcos recibiu a visita do programa "Sen código postal"

O goberno municipal do BNG de Corcubión impulsou unha iniciativa para o mantemento e mellora do servizo de Correos na localidade. Fíxoo
a través do deputado nacionalista Néstor Rego, que rexistrou varias preguntas dirixidas ao goberno central no Congreso para saber cales son os seus plans co edificio que acolle as oficinas de Correos.
Correos vén desenvolvendo a súa actividade desde fai décadas na localidade, nunhas oficinas que se sitúan a carón da praza principal da vila, nun edificio construído nun terreo cedido gratuitamente polo Concello no ano 1966 á, daquela Caixa Postal, para que puidera prestar os seus servizos postais e de banca na localidade en beneficio de toda a veciñanza. “Mais agora o mantemento do servizo vese ameazado, tras a intención manifestada a representantes do Concello por parte do persoal directivo de Correos na zona de avanzar no desmantelamento das oficinas sitas en Corcubión, procedendo á venda do inmóbel construído grazas á cesión do Concello”, indicaron desde o goberno local, que lembrou que, de deixar de prestarse a actividade para o cal foi cedido, o edificio debe reverter novamente ao Concello, que foi quen o cedeu no seu momento. “Un dereito que desde a administración local estamos dispostos a defender e reclamar diante da Sociedade Estatal de Correos e das distintas administracións”, subliñou.
O equipo de goberno fixo pé tamén na continuada redución de horarios e servizos prestados na oficina nos últimos anos, pois agora mesmo o horario de atención ao público é só de mañá, de luns a venres de 10h a 14h, de forma que coincide coa maioría das xornadas laborais, imposibilitando a realización de xestións. “Resulta, por tanto, urxente que se amplíe o horario para permitir tamén a atención polas tardes e os
sábados pola mañá”, indicou.
Visita da TVG+

E curiosamente, hoxe mesmo, Corcubión o carteiro do programa “SEN CÓDIGO POSTAL” da Televisión de Galicia. Coñecido xa polo seu papel de Lino, o empregado de Correos da serie “Era visto” da TVG, o esteirán Víctor Fábregas convértese no Carteiro para dar a coñecer o máis sorprendente e descoñecido da nosa fermosa vila.
Tendo como punto de partida a oficina de turismo, con Patricia como anfitrioa, visitáronnos e contámoslles historias do CRC Corcubión (Casino); continuaron a ruta falando do Mercado Medieval de Corcubión 2025 e das fábricas de salgadura, da festa de San Pedro da Redonda e da súa feira do sabor, da vida de Plácido Castro, preguntaron a viandantes e remataron no faro C, gozando das súas marabillosas vistas.