Carteiros/as protestan pola falta de persoal e a sobrecarga de traballo en Correos Carballo
Traballadores e traballadoras de Correos de Carballo concentráronse esta mañá diante da unidade de reparto situada na rúa San Martiño para denunciar a sobrecarga laboral que están asumindo pola persistente falta de persoal. Unha situación que, avisan, se agravará coa campaña de nadal.
Por iso, reclámanlle a Correos que contrate carteiras/os para cubrir todos os postos que hai nesta oficina e poder garantir así o reparto diario da correspondencia en todas as zonas do municipio.
O sector de Correos da CIG-Administración, convocante da concentración, denuncia que "dos 17 postos que hai na unidade de reparto de Carballo na quenda de maña, están sen cubrir 9, polo que é habitual que nalgunhas zonas queden pendentes de saír a reparto o 100% dos envíos". A pesar das demandas do sindicato e do persoal, "a única solución que puxo Correos até o momento foi facer unha soa contratación a media xornada.
Correos e a súa política de aforro
Denuncian que esta situación deriva da política de non contratación de Correos e acusan o Xerente de Produción e o Xerente de Persoal e Relación Laborais da dirección da Zona Noroeste "pola nefasta xestión que está a levar nos últimos anos, encamiñada a incrementar os beneficios a conta de non contratar persoal suficiente para substituír as traballadoras e traballadores que están de baixa, vacacións, licencias, etc".
As consecuencias desta política laboral de aforro son claras: o persoal ten que asumir unha enorme sobrecarga de traballo e, ademais, soportar as reclamacións verbais que durante o reparto reciben da veciñanza polos continuos atrasos. As zonas que máis demora sofren na entrega do correo son: centro de Carballo e o extrarradio, Barrio de Chorís, Barrio das Flores, Cances, Xoane e Verdillo.
A este respecto, a representación da CIG advirte que Correos está a discriminar a cidadanía que reside no Concello de Carballo ao non levarlles diariamente a correspondencia, tal e como determina a lei postal.
Máis novas
Por iso, a CIG-Correos esixe a contratación urxente das nove carteiras e carteiros que faltan nestes momentos na Unidade de Reparto de Carballo, xa que de seguir así, "a situación complicarase coa chegada da campaña de nadal".