Venres. 29.03.2024
El tiempo

En prisión o axente ceense de seguros por un delito de estafa

Seguros Reale en Cee
A oficina de seguros, sita en Cee, operou durante moitos anos con varios nomes
En prisión o axente ceense de seguros por un delito de estafa

O pasado 19 de xaneiro entraba voluntariamente na prisión de A Lama, A.P.C.. O coñecido corcubionés, ex axente de seguros de Cee, que pasou por Aegón e Reale, cumpre así a sentenza ditada polo Xulgado Nº1 da Coruña a 2 anos e 6 meses de prisión, por estafa, tras unha denuncia presentada pola compañía Reale.

Un asunto que vén do período entre 2010 e 2015, cando varios accidentes foron sacando á luz que os clientes non tiñan cobertura do seguro. O axente durante eses anos a cobraba en metálico as pólizas de certos clientes (algunhas de máis de 400€), pero non as trasladaba á empresa. De feito, a sentenza obríalle a indemnizar a Reale Seguros con 98.120€.
A sentenza, emitida en novembro de 2019, recolle ademais que o axente lles aseguraba aos clientes que preguntaban cando había problemas que si estaban dados de alta na Dirección Xeral de Seguros, e que mesmo aos que tiñan domiciliado o cobro, lles pedía que anulasen o cargo e que lles facía unha mellor oferta se pagaba en metálico.

Foi a comezos de 2015 cando, a raíz da cantidade de protestas recibidas, a compañía se decatou de que a situación afectaba a moitos clientes. Dende entón o tema leva nos xulgados. Ademais das denuncias de varios deses clientes afectados pola estafa, o axente respondía denunciando a Reale por impago das comisións. Se ben a empresa non queren facer valoracións por estar o tema xudicializado a raíz débedas que o axente lle deixou, unha vez que se tivo que facer cargo de todos os seguros que quedaran asinados pero sen cubrir, a finais de 2015 rompeu o contrato co axente e encargou a zona a outro profesional da comarca.

”O engano exixible para que se de o tipo do delito de estafa é claro. Os clientes, que confiaban nel, que era o seu axente de seguros, devolvían os recibos porque así solicitáballos o acusado, e pagábanlle a prima en man, na confianza de que estaba renovando ou contratando un seguro. Non era así, con todo, porque o acusado non trasladaba o pago da prima á compañía, que tiña as primas como impagadas e daba de baixa aos asegurados”, recolle con rotundidade a sentenza.

Problemas paralelos

Non foi por este asunto concretamente, pero as prácticas do axente afectaron tamén a Rogelio Antelo, o corcubionés que sofre a Ataxia da Costa da Morte. Rogelio contratara, tempo antes de ser diagnosticado, con este axente o seu seguro de vida, neste caso ca empresa Aegón. “Eu díxenlle que eu estaba indo ao neurólogo, porque notaba que tremía ao escribir, e a un psicólogo e psiquiatra por un problema persoal, pero el non o quixo apuntar”, conta. “Despois, cando me deron a invalidez e fun pedir a indemnización do seguro, el pediume a copia orixinal da póliza, e eu, que confío demasiado na xente, entregueilla”.

A cousa saíulle cara a Antelo, que anos despois de denunciar á empresa, e batirse contra os servizos xurídicos da mesma, acabou perdendo o pleito e ademais de perder os cartos que tiñan investidos, tamén foi condenado a pagar as costas por máis de 15.000€.

Novas relacionadas

Comentarios