As radios locais apostan polo produto de proximidade
Galicia tamén ten que coidar a auga. A crise hídrica afecta á metade da produción de alimentos e ao 8% do PIB mundial, segundo conclue a Comisión Global da Auga. Aínda que na nosa comunidade poida parecer que non falta o líquido elemento, os expertos alertan sobre os problemas de calidade. Será un dos elementos a abordar no programa especial “Empeza por ti”, que Emisoras Municipais Galegas (na que está inserida a radiONeria de Corcubión) emitirá o vindeiro sábado 19 de outubro coa colaboración da Deputación da Coruña. Faráse fincapé tamén na necesidade de optar por produtos de proximidade e pola economía circular.
O programa, que comezará as 13,00 horas do sábado, poderá sintonizarse no 107.7 da Frecuencia Modulada e na web www.radiofusion.gal. Forma parte do proxecto “Empeza por ti”, producido por EMUGA, para achegar á poboación, sobre todo á máis nova, os contidos da Axenda 2030 e os Obxectivos para o Planeta que Nacións Unidas acordou no ano 2015.
O espazo do sábado terá continuidade nun “pódcast” que tamén se poderá escoitar todos os dias ás nove da mañá a partir do luns dia 19 de outubro.
A Axenda 2030 é unha chamada a acción colectiva e como emisoras de radio asociadas queremos asumir o noso papel como comunicadores e achegar os 17 ODS propostos nesta Axenda global acordada por 193 países.