Domingo. 05.07.2020
El tiempo

“Se pos unha balanza os medios económicos e o servizo dos cidadáns, sae moi barato axilizar a xustiza”

“Se pos unha balanza os medios económicos e o servizo dos cidadáns, sae moi barato axilizar a xustiza”
Xulgados de Corcubión e Carballo Xulgados de Corcubión e Carballo Extrema segue a ser a situación dos Xulgados da Costa da Morte. Carballo e Corcubión continúan traballando baixo mínimos, afectados tamén pola folga de funcionarios que prolonga e agudiza o eterno atasco na administración de Xustiza. Unha folga que ademais non ten síntomas de rematar, unha vez que a Xunta vén de romper negociación cos sindicatos cunha oferta moi lonxe do esixido polos funcionarios. Unha folga que leva en marcha dende o pasado 7 de febreiro, e que esixe aos gobernos melloras salariais e máis medios e persoal para cada Xulgado. Unha folga que está a ser un éxito, que comezaba co 80% de seguemento (a pesar do 40-45% de servizos mínimos), pero que está baixando porque cada día de folga pode ser unha rebaixa de máis de 50€ no soldo dos funcionarios. Unha folga que non todos se poden permitir. En todo caso o número de aprazamentos de xuízos xa supera os 200, e a tramitación de procedementos está totalmente paralizada, co que a situación seguirá complicándose co paso das semanas mentres non se chegue a un acordo coa administración.

O balance

En todo caso, o traballo séguese acumulando, pero non só pola folga, e nesa liña quere afondar o representante sindical de SJP-USO, Roberto Andrade. “Hai unha percepción social de que é normal que haia traballo acumulado. Pero non debería ser así, se hai retrasos é porque nunca se dotou aos Partidos Xudiciais os recursos necesarios”. Nese sentido, Andrade amósase relativamente optimista. “É perfectamente recuperable se se poñen os medios materiais se recupera a administración de xustiza. Se o goberno quere ter unha Xustiza áxil, teno na súa man”, sinalando que é un investimento económico moi baixo. “Se pos unha balanza os medios económicos e o servizo dos cidadáns, sae moi barato axilizar a xustiza”, tendo en conta que “o gasto real para solucionar as cousas, por exemplo, na nosa zona, é moi pequeno”.

Que fai falta

E pon datos. En Carballo hai un déficit dende hai máis de 10 anos, dende que se creou o Xulgado nº3, dende cando levamos sen aumentar o persoal, con 22 traballadores. O traballo foi aumentando, nuns anos nos que a crise fixo que as demandas civís aumentasen moito, pero o persoal non se renova. Ademais moita da carga de traballo que entra no Xulgado non se pode arquivar, creando como unha bola de neve que se vai facendo máis grande cada ano”. Para Andrade as contas están claras. En Carballo, e tamén en Corcubión, habería que abrir un novo Xulgado (cada Xulgado necesita 6 funcionarios, un xuíz e un secretario), pero ademais fan falta moitos máis funcionarios. “Un parche podería ser aumentar o numero de funcionarios en 5 en Carballo. O ideal sería 7. E en Corcubión con 3 funcionarios máis estaría máis que suficientemente dotado, se ben tamén farían falta algún xuíz e letrado. Polo que con apenas 8 soldos solucionarias todo o problema que hai en Carballo pois o edificio é suficientemente grande para albergar outro Xulgado”.

A Xustiza non dá votos

Por que pasa isto entón? “Sempre se dicía que a Xustiza non dan votos, que unha praza vese moito máis, pois a Xustiza só a coñece o cidadán que ten que acodir a ela, que, por sorte, non son todos”, explica Andrade. Andrade fai contas e non lle sae. “O Partido Xudicial ten unhas 70.000 habitantes, e ten 22 funcionarios de Xustiza. Cres que 22 traballadores damos para tanto?”, pregúntase. “Dende a labor sindical, e como veciño desta zona, seguremos loitando para mellorar de medios e servizos a administración da comarca”.

Novas relacionadas

Fonte

comentarios