Sempre Corcubión volve pedir a creación dunha residencia de maiores pública e comarcal

O edificio do Asilo leva anos acondicionado para que a Xunta abra o Centro de Día

Segue enriba da mesa a loita veciñal sobre o Centro de Día ou a Residencia de Maiores en Corcubión. Van anos dende que a vila reclama unha infraestrutura necesaria ante o envellecemento da poboación (lembran que máis do 30% da poboación das comarcas de Fisterra e Soneira superan os 60 anos), a pesar do esquecemento da Xunta, a única con responsabilidade na materia.

Desde Sempre Corcubión volven traer o asunto á palestra, presentando unha moción sobre a necesidade de crear unha residencia de maiores pública e comarcal.

Recordan os servizos relacionados coa terceira idade que hai na comarca:

  • Fogar Residencial Nosa Señora do Carme de Fisterra. Xestión Privada. Dotada con 15 prazas.
  • Residencia Domusvi Vimianzo. Xestión Privada. Dotada de 150 prazas.
  • Vivenda Comunitaria do Concello de Vimianzo. Xestión Pública. Dotada de 12 prazas.
  • ASPADEX de Cee. Asociación sin ánimo de lucro declarada de Utilidade Pública. Dotada de 5 prazas en Vivenda tutelada e 15 prazas en Residencia de Adultos.

As 197 prazas existentes representa tan só o 7% da poboación maior de 80 anos da zona de cobertura dos servizos; dos cales, o 84% das prazas están xestionadas por empresas privadas como Domusvi que se fixeron coñecidas en todo o territorio galego polos contaxios ocorridos tras a Covid-19. Polo que, “á evidente falta de prazas, súmaselle o feito de que os servizos da terceira idade non están ao alcance de todas as persoas nin garanten unhas condicións dignas de atención”.

Histórico da loita polo Centro de Día