Domingo. 19.05.2019
El tiempo

Corcubión enteiro sae á rúa polo Centro de Día

Xentes de Boca de Sapo coa pancarta polo Centro de Día
Xentes de Boca de Sapo coa pancarta polo Centro de Día
Corcubión enteiro sae á rúa polo Centro de Día

Cando é o pobo o que se mobiliza, as cousas alcanzan un matiz especial. En Corcubión, vívense días de emoción, o de onte, domingo 12 de maio, en plena campaña electoral. Á chamada da veciñanza, acodiron 4 dos 5 candidatos á alcaldía (faltou a voceira do PP) para pintar coas súas mans algunha das letras que xa loce a pancarta “Centro de Día, Solución XA!

A comunidade eco-social e cultural Boca de Sapo sacou a mesa para recoller firmas e aproveitou para ler o crú manifesto, mentres invitaban a toda a veciñanza á sumarse a esta histórica reivindicación e necesidade.

Unha loita que conta co apoio da ANPA Alén do CEIP Praia de Quenxe, que considera que “como parte do tecido asociativo e membros da Comunidade Educativa debemos involucrarnos nestas reinvindicacións tan necesarias para a nosa vila e comarca”.

Os 4 candidatos pintando polo Centro de Dia
Os 4 candidatos pintando polo Centro de Dia

Ademais da presencia dos 4 candidatos, os grupos de Sempre Corcubión e BNG quixeron mandar sendos escritos de apoio. O grupo de Alfredo González asegura que “é unha proposta que leva o noso partido Sempre Corcubión nas municipais, por iso queremos apoiar esta campaña de Boca de Sapo, pois nos sirve como argumento de peso para formularlle ao Presidente Feijoo a necesidade e o respaldo da cidadanía para resolver este problema”.

Dende o BNG amosaron a súa satisfacción pola implicación social na reivindicación. “Para o BNG, todo o que sexa sumar é positivo, sobre todo nun tema tan vital como a apertura dun servizo que facilite o coidado das persoas dependentes conciliando a vida laboral e familiar”.
O portavoz municipal e candidato nacionalista, Xosé Ansede afirmou que “O centro de día foi unha proposta do BNG no ano 2007 cando gobernamos, e dende aquela traballamos arreo para que se construíra e fose unha realidade, con reunións na Deputación e condicionando na corporación o noso apoio aos orzamentos para dedicar partidas para este fin, e fíxose a pesar das trabas do PP na xunta de Galicia, que non quere abrilo, e ademais pechou outros como o de Carnota”. O edil resaltou que “O problema é que o goberno local do PSOE é incapaz de facer as xestións para abrilo, só souberon facer a inauguración en agosto de 2014 para ver as paredes, pero a realidade é que ata hoxe sigue pechado. Si o BNG gobernara, dende logo que estaría aberto, porque todos os servizos sociais que existen en Corcubión foron conseguidos co Bloque gobernando”.

Manifesto pola apertura do Centro de Día de Corcubión

Alex Lopez de Boca de Sapo Lendo o manifesto polo Centro de Dia
Alex López, de Boca de Sapo, lendo o manifesto polo Centro de Día de Corcubión

Somos habitantes da Costa da Morte, somos as veciñas e veciños da Comarca de Fisterra. Vivimos nestas vilas e aldeas do oeste por amor á terra, por un vínculo que foi prendendo con forza xeración tras xeración.

Vivimos na Costa da Morte e queremos seguir vivindo nela, pero queremos seguir vivindo aquí como cidadáns de pleno dereito. Sabemos que vivimos na periferia de Galicia; sufrimos por iso eivas importantes en infraestruturas viarias, en sanidade, en transporte público, en servizos básicos. Carencias que deben ser cubertas se non queremos que a nosa terra siga despoboándose, se non queremos asistir á morte da Costa da Morte.

É por iso que hoxe reclamamos a defensa dun ben esencial para a nosa comarca e as súas xentes. Reclamamos a apertura e posta en funcionamento xa do Centro de Día de Corcubión.

Os nosos maiores precisan urxentemente deste servizo esencial. A nosa poboación é unha poboación avellentada, cun 28% de persoas maiores de 65 anos, case tres puntos máis que o resto de Galicia, que xa de por si representa unha das maiores taxas de avellentamento do estado.

Os nosos maiores de Fisterra, de Cee, de Corcubión, de Dumbría e de Muxía teñen o dereito inescusábel de posuír un servizo de atención, de prevención e de coidados que mellores a súa calidade de vida e a das súas familias. É de xustiza. Os nosos maiores non teñen por que realizar longos e penosos traxectos de ida e volta a localidades afastadas da nosa contorna case unha hora.

O Centro de Día de Corcubión é unha infraestrura xa realizada, erguida co esforzo e xestión da corporación municipal de Corcubión. Non podemos permitir que o Centro de Día vaia esmorecendo co tempo, deteriorándose, morrendo.

Temos o deber como cidadáns e cidadás desta Comarca de reclamar firmemente a defensa dos nosos servizos.

É por iso que ESIXIMOS Á XUNTA DE GALICIA A LICITACIÓN, APERTURA E POSTA EN FUNCIONAMENTO CON XESTIÓN PÚBLICA DO CENTRO DE DÍA DE CORCUBIÓN CENTRO DE DÍA XA! SOLUCIÓNEN O PROBLEMA!

  • Asociación Boca de Sapo Comunidade eco-social e cultural

Novas relacionadas

Comentarios