Sábado. 07.12.2019
El tiempo

A cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de Día

A cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de Día

Non para de armar iniciativas a Asociacion Boca de Sapo Comunidade eco-social e cultural. Desta volta, a entidade quere impulsar unha serie de actos, actividades e mobilizacións que leven á reinvindicación de toda a comunidade social para esixir a apertura do Centro de Día en Corcubión.

Como primeiro paso lanzan un manifesto e comezan cunha recollida de sinaturas co obxectivo de acadar o máximo apoio e demostrar que a veciñanza de Corcubión necesita esta infraestrutura. Un Centro que non abre as súas portas polas continuas negativas da Xunta a pesar de que Concello e Deputació xa teñan investido numerosos esforzos na rehabiitación do edificio do mítico Asilo.

Manifesto pola apertura do Centro de Día de Corcubión

Somos habitantes da Costa da Morte, somos as veciñas e veciños da Comarca de Fisterra. Vivimos nestas vilas e aldeas do oeste por amor á terra, por un vínculo que foi prendendo con forza xeración tras xeración.

Vivimos na Costa da Morte e queremos seguir vivindo nela, pero queremos seguir vivindo aquí como cidadáns de pleno dereito. Sabemos que vivimos na periferia de Galicia; sufrimos por iso eivas importantes en infraestruturas viarias, en sanidade, en transporte público, en servizos básicos. Carencias que deben ser cubertas se non queremos que a nosa terra siga despoboándose, se non queremos asistir á morte da Costa da Morte.

É por iso que hoxe reclamamos a defensa dun ben esencial para a nosa comarca e as súas xentes. Reclamamos a apertura e posta en funcionamento xa do Centro de Día de Corcubión.

Os nosos maiores precisan urxentemente deste servizo esencial. A nosa poboación é unha poboación avellentada, cun 28% de persoas maiores de 65 anos, case tres puntos máis que o resto de Galicia, que xa de por si representa unha das maiores taxas de avellentamento do estado.

Os nosos maiores de Fisterra, de Cee, de Corcubión, de Dumbría e de Muxía teñen o dereito inescusábel de posuír un servizo de atención, de prevención e de coidados que mellores a súa calidade de vida e a das súas familias. É de xustiza. Os nosos maiores non teñen por que realizar longos e penosos traxectos de ida e volta a localidades afastadas da nosa contorna case unha hora.

O Centro de Día de Corcubión é unha infraestrura xa realizada, erguida co esforzo e xestión da corporación municipal de Corcubión. Non podemos permitir que o Centro de Día vaia esmorecendo co tempo, deteriorándose, morrendo.

Temos o deber como cidadáns e cidadás desta Comarca de reclamar firmemente a defensa dos nosos servizos.

É por iso que ESIXIMOS Á XUNTA DE GALICIA A LICITACIÓN, APERTURA E POSTA EN FUNCIONAMENTO CON XESTIÓN PÚBLICA DO CENTRO DE DÍA DE CORCUBIÓN CENTRO DE DÍA XA! SOLUCIÓNEN O PROBLEMA!

  • Asociación Boca de Sapo Comunidade eco-social e cultural

 

Novas relacionadas

Comentarios