Luns. 06.05.2024
El tiempo

Varios concellos da Costa contarán con axudas da Xunta para a rehabilitación de vivendas

Varios concellos da Costa contarán con axudas da Xunta para a rehabilitación de vivendas
A Xunta publicará na xornada deste xoves, 4 de agosto de 2011, a listaxe de concellos para os que concederá axudas no eido da rehabilitación de vivendas. Serán 107 municipios ao longo de todo o país. Na Costa da Morte, os beneficiarios serán Corcubión e Muros. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, salientou na mañá de onte que as axudas estarán cifradas nuns corenta millóns de euros a nivel de todo o país. Os traballos xerarán entre 3.500 e 4.000 empregos en toda Galicia. Hernández o explicou logo de asinar os convenios pertinentes cos concellos afectados pola medida. Estes municipios contarán con Áreas de Rehabilitación Integral para o financiamento das oficinas municipais de rehabilitación. Neste caso San Caetano aporta 60.000 euros a cada oficina. Con este servizo, facilitaráselles aos cidadáns o acceso á información e a tramitación de axudas. Hernández afirmou que esta é a primeira vez que non haberá financiamento estatal para estas oficinas, por mor da supresión das axudas por parte do Ministerio. Máis axudas no Camiño a Fisterra e Muxía O conselleiro anunciou ademáis que os propietarios de vivendas emprazadas no trazado do Camiño poderán solicitar as axudas para a rehabilitación a partir do vindeiro venres. Neste caso, os concellos afectados na Costa son máis. Trátase de Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos e Muxía. O periodo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o mes de decembro, e para tal efecto, hai que dirixirse ás oficinas provinciais do Instituto Galego de Vivenda e Solo. As axudas medias serán de 5.000 euros por vivenda, dentro do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009 – 2012, aínda que nalgúns casos poderán chegar ata os 10.000 euros. En canto ás actuacións que se poderán facer con esas axudas do ente autonómico, afectarán tanto ao interior como ao exterior das vivendas. No exterior irán destinadas á mellora da seguridade, estanquidade, accesibilidade, eficiencia enerxética e utilización de enerxías renovables. Xa no interior, referiranse á mellora da habitabilidade, da seguridade, da accesibilidade e da eficiencia enerxética. Para acadar máis información sobre as axudas, a Xunta recomenda dirixirse ás dependencias municipais de cada concello.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Xunta de Galicia.

Comentarios