Venres. 19.04.2024
El tiempo

A rexeneración do entorno do CEIP Barrié de la Maza permitirá derrubar o edificio abandonado das antigas casas dos profesores

A rexeneración do entorno do CEIP Barrié de la Maza permitirá derrubar o edificio abandonado das antigas casas dos profesores
Demoleranse as antigas casa de profesores Demoleranse as antigas casa de profesores

Durante os vindeiros 3 meses, levaranse a cabo as obras de rexeneración do entorno do CEIP Barrié de la Maza, en Santa Comba. Obras que financia a Deputación a través do POS que contan cun orzamento de 160.715 euros e incluirán a creación dunha praza e beirarrúas para mellorar a seguridade viaria dos nenos e nenas.

O obxectivo deste proxecto é acondicionar e humanizar o entorno do centro escolar, mellorando tanto a estética coma a funcionalidade e a seguridade viaria. Neste sentido, demoleranse as antigas vivendas dos profesores, que se atopan en estado ruinoso e non reciben ningún uso, así coma as beirarrúas e unha parte do muro do colexio. Este espazo (uns 2000 m2) utilizarase para acondicionar unha praza pública, que contará con mobiliario urbano e farolas.

Así mesmo, ampliarase a superficie dedicada ás beirarrúas, para garantir a súa accesibilidade e a seguridade viaria dos nenos e nenas que acoden cada día ao centro escolar. Nas zonas máis conflitivas, instalarase unha varanda de seguridade.
Aproveitarase para renovar tamén os servizos básicos, coa instalación dunha rede de evacuación de augas pluviais e a canalización soterrada da conexión da iluminación pública.

Pavimentación dos camiños de Picotos a Varilongo e de Santa Sabiña

Ademais, o Boletín Oficial da Provincia tamén publica hoxe a formalización do contrato das obras de mellora de pavimentación nos camiños de Picotos a Varilongo e de Santa Sabiña, no termo municipal de Santa Comba. Neste caso, o Plan Único da Deputación da Coruña achega 62.950 euros para a execución dos traballos.

As obras incluirán a limpeza e o perfilado das cunetas, así como dos tubos e taxeas da rede de evacuación de augas pluviais nas zonas onde sexa preciso. Tamén se acometerá a limpeza, mediante medios mecánicos, de toda a superficie da calzada, para posteriormente reparar os baches, as mordentes e demais defectos do firme. O remate da capa de rodadura realizarase con 6 centímetros de pavimento asfáltico a base de mestura bituminosa en quente, e un triplo rego asfáltico.

Fonte

  • Deputación.

Comentarios