A pataca como símbolo de identidade

Desenvolveuse esta fin de semana a 43ª edición da Festa da Pataca de Coristanco. Toda unha diversa festa gastronómica que marida tradición e innovación, convertindo un tubérculo como o gran símbolo de identidade de toda unha comunidade, a de Coristanco, pero tamén a dunha comarca de Bergantiños orgullosa do seu produto estrela da terra.
A xornada comezaba o sábado co Encontro Agroprofesional da Pataca, con especialistas de todo o estado, e moito protagonismo para os produtores locais. Un xeito de afianzar a marca e de posicionar Coristanco como referente empresarial.
As degustacións na carpa instalada a carón do Concello foron moi demandadas, así como os showcookings e as actividades para as crianzas.

Pero a gran cita chegaba na mañá dominical: o Desfile de Tractores Engalanados. Evento singular este que conseguir recibir os focos de todo o país, gracias á imaxinación e dedicación de varias (certo que cada vez menos) familias produtoras.
As rúas estaba ateigadas, cos paraugas abríndose e pechando entre chaparrón e raios de sol, para recibir o desfile. Comezaban as crianzas motorizadas cos seus minitractores eléctricos levando remolques cheos de imaxinación. A “carroza” gañadora foi a do CRA Tarandeira.

Pouco a pouco foron atravesando a vila as obras de arte feitas en pataca. A gañadora dos case 2.000€ do primeiro premio foi “Todos con Valencia”, de Brais e Roque (que non paran de gañar premios nos últimos anos) representada por unha barca que remaba. Pero a gran gañadora para a xente foi a inmensa Torre de Hércules da familia de Óscar e Alba. Unha Torre de 8 metros de 8 metros de altura, que obrigaba a levar unha persoa cunha vara longuísima para poder sortear os cables da luz da estrada… Menudo esforzo e dedicación…
Polo camiño tamén pasaron a formiga, o Antronio de Valenza (escoltado pola veciñanza vesida do recuperado antroido) e unha fermosa homenaxe aos brigadistas. Mentres os produtores xa pensan en que armar para o ano que vén.
