Xoves. 25.04.2024
El tiempo

“Esta comunidade educativa fai que o CEIP Bormoio-Agualada sexa especial”

Gradación no CEIP Agualada
“Esta comunidade educativa fai que o CEIP Bormoio-Agualada sexa especial”

Así define a directora Olalla Formoso o curso, e a insuperable graduación que viviron esta semana no CEIP Bormoio-Agualada. Un deses marabillosos oasis de paz no medio do proceso de desmantelamento da educación pública, que precisamente está en perigo de extinción.

De feito, apenas contan con 3 matrículas para os 3 cursos de Infantil de cara o curso que vén, e tanto a dirección como a ANPA non paran de loubar as bondades do ensino dunha escola do rural para animar a máis familias a traer as súas crianzas. “Facemos un chamamento a familias que busquen un colexio pequeño, acolledor, cos mellores servizos e cunhas dotacions ben cubertas a acercarse a coñecelo, para se dubidan de onde matricular os fillos, coñecendo este colexio o van ter claro”, invitan a ANPA polas redes.

E precisamente o acto de graduación que se celebrou este mércores na Escola Vella de Agualada, foi un deses momentos que toda a comunidade vail lembrar. “Para que algo sexa tan máxico, xúntanse moitas cousas: que as familias sexan tan participativas, que sexa un grupo moi unido, un claustro con ganas de traballar…” conta orgullosa a directora Olalla Formoso, encantada no seu primeiro ano na dirección. “Choramos como magdalenas todos e todas”, recoñece satisfeita e agradecida.

Oscar Toja
Óscar Toja, o tutor de 6º

Era a Graduación de 6° de Primaria, pero tamén das rapazas de 6º de Infantil que pasan para Primaria. As maiores facían de madriñas das pequenas, noutra demostración desa aprendizaxe interxeracional que fai máis persoas ao alumnado dun centro pequeno.

O conserxe José Lorenzo foi o armadanzas, e o secretario, Diego López, o profe de Educación Física foi o presentador, que foi invitando a subir ao estrado á propia directora, que fixo discurso como tal, e como titora de Infantil. Tamén tomou a palabra Óscar Toja, o laxense é o titor de 6º tamén tirou de emotividade. E aínda máis emocionante foi cando colleron o micro as familias das graduadas.

Despois proxectaron varios vídeos. Primeiro un de agradecemento de todos os profes que tiveron ao longo dos 9 anos do seu periplo escolar. Profesores que están aquí e alá (son poucos os fixos) e que non fallaron cos seus vídeos.

Tamén, entre emtrega dos diplomas e das orlas, puxéronse vídeos de cando as rapazas de 6º eran pequeniñas e empezaban na escola, gracias á participación das familias que enviaron unha marea de material audiovisual.

familias de 6 nas graduacion do CEIP Agualada
As familias tomaron a palabra

Finalmente, e antes dos pinchos, tocaban as actuacións. A profe de música, Rocío, tiña preparado a actuación, en clave de Tanxugueiras das maiores, que tan ben quedou. E xunto con Olalla as de Infantil tiñan un rap escolar cheo de sons corporais.

As familias deixaron patente o seu agradecemento polo trato e o ensino do claustro, e mesmo se lembraron do conserxe, do persoal de limpeza, e do cociñeiro Antonio e a axudante de cociña Sonia, aos que lle regalaron un delantal asinado polas graduadas. “Estou superagradecida do claustro e as familias”, sinala Olalla. “Esta comunidade educativa fai que Agualada sexa especial”.

Agora, tócalles esperar que se publique o Concurso de adxudicación para ver o profesorado do curso que vén, xa que dos 13 profesores apenas 5 son fixos.

O conserxe e o cocineiro do CEIP Agualada
O cociñeiro Antonio e o conserxe Jose Lorenzo

Novas das Escolas Rurais

Comentarios