Venres. 04.10.2024
El tiempo

Piden a anulación da DIA do Parque Eólico de Bustelo por omitir a necesaria protección ao lobo

lobo rede naturae
Un lobo na Costa da Morte nun fotograma dun vídeo de Rede Naturae de Chisco Lema
Piden a anulación da DIA do Parque Eólico de Bustelo por omitir a necesaria protección ao lobo

Había case un ano que non se fala do mega-proxecto eólico dividido en tres de Bustelo, Campelo e Toural, tres parques diferenciados no papel para salvar as restricións ambientais, pero que, por exemplo, evacuarán a súa enerxía mediante unha única liña de alta tensión. Hoxe é a activa Asociación Petón do Lobo a que volve traer o asunto á colación, solicitando a anulación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto de Bustelo (nos concellos de Carballo e Coristanco) pola omisión da protección do lobo.

”A omisión e a falla de avaliación dos impactos sobre da especie provoca a nulidade radical e de pleno Dereito da Declaración de impacto ambiental do proxecto promovido por Greenalia Wind”, declara a entidade costeira, en colaboración da Asociación galega Cova Crea e a Asociación “O Ouriol” do Anllóns.

A entidade lembra que “o Convenio de Berna relativo á Conservación da Vida Silvestre e o Medio Natural de Europa, asinado en Estrasburgo (Francia) en 1979, incluíu ao lobo no Anexo II Especies de fauna estritamente protexidas”. E explica que a territorialiade do lobo fai necesario o respecto das súas zonas de influencia.

Nese sentido denuncian que “os proxectos eólicos proxectados de Bustelo, Campelo e Toural e as súas correspondentes instalacións de evacuación da enerxía fragmentan o territorio de forma considerable, a paisaxe e os hábitats da especie”.

”A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tanto se centrou na protección da flor Centaurea ultreiae, unha margarida única na zona e protexida pola normativa, que esqueceu outra especie presente na zona e protexida polo Convenio de Berna como é o Lobo”, bromean dende as entidades.

Novas sobre o lobo

Novas do megaparque de Bustelo, Campelo e Toural

Novas sobre os proxectos eólicos

Comentarios