O Cerqueiral, outra ameaza eólica para os montes de Cabana, Coristanco e Santa Comba

A posta en marcha do parque eólico das Salgueiras, a desfeita realizada polo PE de Mouriños, o megaparque partido en tres Bustelo-Campelo-O Toural, a polémica repotenciación do PE Corme 3.
A Costa da Morte, sobre todo a zona de Bergantiños-Xallas, sofre de primeira man a grave invasión dos viraventos aprobados pola Xunta. E a pasada semana coñecíamos un novo veciño, o Parque Eólico do Cerqueiral, nos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba, despois de que a Xunta desbloquease o pasado 27 de abril a tramitación das avaliacións ambientais dos parques eólicos, paralizadas polo estado de alarma.
Para ADEGA, o de Cerqueiral é parte dunha única instalación, o mesmo megaparque Bustelo-Campelo-O Toural, que a Xunta tramita por separado para salvar condicionantes ambientais. Así o certifica o feito de que “o PE do Cerqueiral comparte infraestruturas (central de transformación e liña de evacuación) cos outros tres parques veciños de seu”.
”Información privilexiada”
Tanto o Cerqueiral como o megaparque de Bustelo, Campelo e o Toural son promovidos por Greenalia Wind Power SLU, empresa na que traballa a ex-conselleira e ex candidata á alcaldía da Coruña Beatriz Mato. Sorprendía a súa renuncia a comezos de ano, para formar parte da empresa, noutro exemplo de como funcionan as “portas xiratorias” no noso país.
Estes días ADEGA denuncia que Mato tivo “información privilexiada, que só obra en poder da administracións, na tramitación dos seus proxectos eólicos”, un total de 13 en todo o país, recibindo “axudas informais” da Xunta.
Afectación
A entidade ecoloxista lembra as afeccións á lagoa de Alcaián, como a varias especies endémicas, de especies como o mazarico real ou o sisón, ademais da paisaxe.
Novas relacionadas dos Parques Eólicos de Corme
- A veciñanza presenta alegacións ao Parque Eólico das Salgueiras.
- 31-03-2020: Desmontando o parque eólico de Corme en pleno estado de alarma.
- Febreiro 2020: Os veciñ@s afectados polo parque eólico de Corme esixen o pago dos atrasos e dos "vuelos”.
- Novembro 19: "Levamos 19 anos sen saber que un viravento invadira as nosas fincas de Corme”.
- O Concello de Santa Comba loita contra a ubicación dos parques eólicos de Castriz.
- Colectivos de 6 concellos da Costa da Morte forman parte da Rede Galega por un Rural Vivo.
- Novembro 19: Santa Comba vestiuse de negro contra o “megaparque” eólico de Bustelo, Campelo e Toural.
- Abril 19: A desfeita das obras do parque eólico de Mouriños na Serra de Gontón, en imaxes.