"Segunda II", a muller de 79 anos de Couso que protagoniza o documental de Anita Pico
Se este sábado o Casino1889 acolle a presentación dun documental sobre a olería de Buño, o centro carballés acollerá o vindeiro sábado 28 de outubro, ás 18:00h, a preestrea doutra peza audiovisual feita na comarca. Trátase de “Segunda II”, unha curtametraxe documental da produtora coruñesa Henfunk Studio, descubre a vida de Segunda García, unha muller de 79 anos nacida en Couso, Coristanco, que desafía o nome que recibiu ao nacer cunha historia de superación excepcional na emigración.
Segunda conduciranos dende Couso ata Carballo, onde reside actualmente, contándonos como cambiou a súa vida e o pobo.
A curtametraxe forma parte dunha iniciativa coa que se pretende abrir de forma dinámica e entretida un debate sobre a emigración dos nosos maiores en Galicia, unha realidade descoñecida polas novas xeracións.
Detrás do documental (que conta co financiamento da Xunta), tamén podemos atopar talento galego, como a súa directora e guionista Anita Pico, unha nova promesa do audiovisual español que xa conta con créditos en programas para xigantes como TVE, BBC ou HBO Max. Nacida na Coruña, e sobriña-neta de Segunda, formouse en Estados Unidos y Reino Unido e dirixe a súa primera curtametraxe "Blacks or Whites”.
Anita e Henfunk
Henfunk Studio é unha produtora nada o ano pasado, fincada en Bergondo, A Coruña. “Literalmente significa "A galiña funky", porque pensamos que necesitabamos ter unha galiña de mascota pero aplicando sempre a todos os nosos traballos ese punto funk”, explícannos.
A produtora é fundada pola propia Anita Pico despois da súa formación no estranxeiro e despois de rodar a súa curtametraxe “Lique” (2023), qie percorre festivais como unha das obras do catálogo español Shorts from Galicia (2023).
Despois da súa residencia internacional en Cannes, ficha como guionista en Zeppelin TV en Madrid, desenvolvendo e escribindo contido para televisión. Un dos seus últimos traballos incluíu o seu papel como guionista na nova serie de HBOMax España "Time Zone”.
En 2023, escribe e dirixe a súa primeira serie dixital co apoio do ICAA e a Xunta de Galicia. A sitcom cómica Pulp Air (con estrea en 2024) conta con actores como Lucía Veiga (Rapa, Movistar+) ou Isabel Garrido (A Desorde que deixas, Netflix).
Anita atópase actualmente iniciando o desenvolvemento da súa primeira longametraxe: Shido.