venres. 27.02.2026
El tiempo

A veciñanza de Coristanco alza a voz contra os posibles impactos das antenas de telefonía móbil e as LAT

  • Este domingo 1 marzo, a veciñanza organiza unha concentración e recollida de firmas na feira de Agualada.
Manifestacion en Coristanco contra as antenas de telefonia
Concentración do pasado domingo en Coristanco
A veciñanza de Coristanco alza a voz contra os posibles impactos das antenas de telefonía móbil e as LAT

Numerosa foi a concentración realizada este pasado domingo ás portas do Concello de Coristanco para solcitar o “principio de precaución” con respecto ás antenas de telefonía móbil e a Liña de Alta Tensión que atravesan o concello coristanqués.

Principalmente a veciñanza do lugar de Brenlla, protagonizaron unha concentración para protestar pola ubicación dunha antena de telefonía móbil, considerando os posibles efectos sobre a saúde derivados da exposición continuada a campos electromagnéticos de radiofrecuencia.

Segundo a plataforma veciñal hai lexislación, e recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) a través da Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro (IARC), que clasificou en 2011 os campos electromagnéticos de radio frecuencia como posiblemente canceríxenos para os humanos.

As familias están recollendo sinaturas para presentar no Concello, aludindo ao Principio de Precaución (art. 191.2 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea – TFUE), un principio establece que, cando exista incerteza científica sobre os riscos potenciais dunha actividade para a saúde ou o medio, as administracións deben adoptar medidas preventivas evitando a exposición innecesaria da poboación.

1000038535

Posibles afectacións

No escrito lembran que a OMS recomenda minimizar a exposición, especialmente en menores e persoas sensibles, e que mesmo Defensor del Pueblo español recomendou en varias ocasións garantir distancias suficientes a vivendas, centros educativos e zonas habitadas cando se instalan estacións base de telefonía.

E tras acadar moita información, comparten que a instalación dunha antena de telefonía próxima ás casas pode supoñer:

  • Exposición permanente (24h/día) a emisións de radiofrecuencia.
  • Maior vulnerabilidade de nenos, persoas maiores, embarazadas e enfermos crónicos.
  • Deterioro da calidade de vida, aumento da ansiedade e sensación de risco percibido.
  • Posible perda de valor das vivendas e alteración do carácter residencial da zona.

”O principio de precaución obriga a non ignorar estes efectos sociais cando existen alternativas técnicas viables que non condicionan a saúde nin o benestar da cidadanía”, entende a veciñanza.

As esixencias da veciñanza

Por todo isto, a veciñanza pide, antes de nada, transparencia, e que Concello facilite toda a documentación técnica e administrativa relativa ao proxecto. Pero tamén que se abra un proceso de alegacións que permita a participación activa da veciñanza; que se realice unha avaliación independente das alternativas de localización, e que se adopten decisións fundamentadas no interese público, non só no interese das compañías de telecomunicacións.

Así mesmo piden datos e datas confirmadas sobre o procedemento industrial, e sobre a posición municipal ante o proxecto, así como que se certifique se existen informes técnicos ou xurídicos municipais relacionados coa compatibilidade da instalación coa saúde pública, o urbanismo e o ámbito ambiental.

Con todo, a veciñanza pide ao Concello que “rexeite a instalación da antena de telefonía móbil”, que no caso de existir, que se suspenda temporalmente a licenza ou expediente de tramitación, e que se promova unha avaliación ambiental e sanitaria específica sobre o impacto da antena para garantir os procesos de participación veciñal e transparencia.

Máis novas

Comentarios