Os 14 proxectos aprobados polo GALP do norte da Costa
Os 5 proxectos produtivos aprobados (con porcentaxes de subvención do 36% ata o 43%) van directamente a 5 establecimentos hostaleiros, incidindo nunha das queixas do sector pesqueiro de que non se poidan empregar estas axudas para renovar a flota pesqueira.
Estes 5 proxectos crearán 10 empregos a tempo completo.
Os 9 proxectos non produtivo (promovidos por Confrarías de Pescadores, Asociacións de profesionais e concellos), reciben unha subvención de entre 85% e o 90%.
Aquí facemos un repaso e de seguro que pouco a pouco iremos coñecéndoos máis de preto.
Proxectos Produtivos
Balarés, Hotel da Natureza (Ponteceso)
Promovido por matrimonio de familia mariñeira, profesionais do sector da hostalería, con experiencia en restaurantes de prestixio e liderando proxectos gastronómicos referentes da cociña atlántica en Galicia. Ao carón do entorno natural da praia de Balarés e dunha de Monte Branco, rehabilítase unha casa tradicional e ampliación en dous módulos articulados coa casa mediante uso de pérgolas, creando un hotel apartamento de categoría de 3 estrelas, será o primeiro con esta categoría no concello e disporá dun restaurante de alta calidade baseado nos produtos de lonxa de km0.
Rehabilitación e Ampliación de Edificio Albergue Turístico con Obradoiro: O Refuxio do Náufrago (Camelle, Camariñas)
Proxecto promovido por unha muller percebeira, que crea o primeiro albergue con obradoiro artesanal de produtos do mar en Camelle - Camariñas. Rehabilítase unha casa mariñeira, na planta baixa disporá dun obradoiro e cociña para a elaboración de produtos gourmet, conserva e envasados ao baleiro, con pescados e mariscos de descartes, que os mariñeiros da zona practicamente non comercializan e aos que se proporciona un valor engadido. As plantas altas destinaranse a aloxamento na categoría de albergue turístico con capacidade total de 10 prazas.
Esencia Atlántica, Ampliación Capacidade de Produción (Muxía)
Proxecto de ampliación da capacidade produtiva de Esencia Atlántica, empresa de recente creación que elabora dende Muxía, de maneira artesanal salsas e aderezos seguindo as receitas tradicionais dos portos mariñeiros galegos. Prevese a adquisición de equipamento, medios técnicos e de loxística que lle permitan acceder ao canal de distribución de grandes superficies, ampliar os puntos de venda de toda España e tamén mercado internacional.
Cabanas Náuticas : Onde Vive o Mar (Malpica)
Creación dun establecemento hostaleiro de concepto integral e interpretativo do turismo mariñeiro: hospedaxe, a través dun campamento turístico de 2 estrelas; restauración, cun restaurante de 1 garfo con cociña innovadora baseada nos produtos de km0 e unha contorna con multitude de atractivos paisaxísticos, patrimoniais e naturais.
Morada Atlántica (Carballo)
Creación dun establecemento hostaleiro na contorna do espazo natural protexido da Marisma de Baldaio, en Carballo, con enfoque multidisciplinar que combinará aloxamento con categoría de pensión de 3 estrelas, obradoiro de transformación de peixes e mariscos, experiencias de turismo mariñeiro e exposición permanente para a interpretación e observación da cultura mariñeira. Rehabilitaranse dunhas vivendas centenarias nas que se habilitan 7 apartamentos, que dotan ao establecemento dunha capacidade total de 22 prazas de aloxamento.
Proxectos non produtivos
Diversiplas + Diverso - Plástico (Cabana)
Proxecto de economía circular que promove a integración socio laboral das persoas con diversidade funcional a través dunha iniciativa de valorización dos residuos plásticos procedentes de refugallos mariños e do sector, entre outros. Crearase un obradoiro nas instalacións de Íntegro, no que se formará a persoas con diversidade funcional, que adquirirán competencias para dar unha segunda vida aos refugallos do mar a través do sistema baseado na técnica precious plastic. O proxecto colaborará coas confrarías de pescadores, asociacións do sector pesqueiro e concellos para recollida de residuos plásticos. O proxecto irá acompañado de accións de asesoramento e visibilización da inclusión social, concienciación medioambiental, técnicas de reciclaxe e deseño de produtos.
Área de Formación Medio Ambiental e Economía Azul Dirixida a Persoas con Diversidade Intelectual (Carballo)
Proxecto de mellora da empregabilidade das persoas con diversidade funcional, a través da metodoloxía de autoemprego con apoio, no ámbito da Economía Azul e o Medio Ambiente. Rehabilitaranse e ampliarase unha parte das instalacións da Asociación de Pais de Persoas con Diversidade Intelectual para crear unha nova área con un plan integral baseado na formación, inclusión social, sustentabilidade, economía circular, mar e medio ambiente.
Instalación Fotovoltaica Edificio das Mariscadoras (Cabana)
Mellora da eficiencia enerxética do edificio "Casa das Mariscadoras" mediante a adaptación da cuberta e instalación de paneis solares. O proxecto que contribúe a garantir a sostenibilidade presente e futura da actividade das mariscadoras do Anllóns, colectivo formado actualmente por 28 mariscadoras.
Percebe da Barca (Muxía)
Proxecto de posta en valor do percebe grazas á creación dun distintivo e actividades de promoción que multipliquen a súa notoriedade, a súa resonancia e o seu posicionamento na mente dos consumidores, incrementado así o seu valor e, por extensión, o da súa contorna contribuíndo á mellora de actividades ligadas ao sector do mar como a venda en peixarías, na restauración, nas industrias do sector primario ligadas ao mar, así como a actividade das lonxas, as confrarías e as asociacións de traballadoras e traballadores do mar.
Promoción e Posta en Valor da Lonxa de Laxe e Cultura Mariñeira (Laxe)
Posta en valor dos produtos e cultura mariñeiros a través dun conxunto de actividades que promocionan os peixes e mariscos que se comercializan na Lonxa de Laxe, a forma de vida dos mariñeiros e a cultura mariñeira. Crearanse vídeos, material promocional para eventos e exposicións e creación dun mural na fachada da Lonxa.
Mellora nas condicións Hixiénicas na Manipulación dos Produtos Pesqueiros da Lonxa de Camariñas
Adquisición de túnel automatizado de lavado de caixas de peixe coa finalidade de mellorar entre outras, os tempos de lavado, redución do consumo de auga, mellora das condicións hixiénicas, diminución do risco de transmisión de bacterias e xermes. A actuación proporciona valor engadido aos produtos pesqueiros, mellora a súa imaxe e condicións de comercialización.
Acondicionamento Ambiental e Posta en Valor do Borde Litoral (Cabana)
Mellora da conservación do espazo natural do Esteiro do Río Anllóns a través da recuperación ambiental do borde do litoral entre a praia do Curro e o monte de San Sebastián. Preténdese poñer en valor este espazo protexido de alto valor medio ambiental e zona marisqueira, para compatibilizar os usos do litoral con usos sociais, culturais e turísticos. Contémplase a recuperación e restauración ambiental borde litoral entre dúas praias de ribeira, que mide un total de 1.027 metros e que presenta un estado de degradación importante. A senda disporá de paneis interpretativos da natureza, dos produtos e actividade marisqueira e contará con novo observatorio de aves, nunha contorna que é declarada zona de especial protección de aves e onde se vén desenvolvendo dende fai moitos anos, unha importante tarefa de investigación e divulgación por un dos máis importante ornitólogos de campo de España.
Promoción e Posta en Valor Zonas Percebeiras do Concello de Laxe
Proxecto de posta en valor dos recursos marisqueiros, a cultura mariñeira, riqueza gastronómica, medioambiental e paisaxística dun concello moi vencellado ao mar, a través da creación dun itinerario guiado con sinalización e paneis didácticos colocados nalgunha das importantes zonas onde medra o percebe. A actividade complementarase con contidos en tres idiomas accesibles a través de códigos QR, colocación dun tótem na oficina de turismo e edición de dípticos.
Malpica do Mar ás Estrelas
Proxecto que pretende posicionar a Malpica como destino Starlight coa creación dos primeiros miradoiros de lúa, de itinerarios de percorrido de día ou de noite, para poder observar os fenómenos estelares, un deles nexo dos principais recursos turísticos do concello e o outro vincula a actividade pesqueira e marítima do concello coa astronomía, comezando no porto de Malpica e percorrendo a zona litoral ata chegar ao Faro de Punta Nariga. Realizarase o deseño dos percorridos, sinalización, colocación de paneis interpretativos, plan de comunicación, creación dunha páxina web, e creación de contido audiovisual, entre outras.