32 anos solicitando un Centro de Investigación de Arqueoloxía Subacuática
"Levamos 32 anos para crear o Centro de Arqueoloxía Subacuática da Costa da Morte, pero sen apoio das institucións nin da clase política é imposible…” Así de rotundo manifestábase o arqueólogo submariño Miguel San Claudio a semana pasada despois de rescatar uns canóns do século XVI na ría de Camariñas.
Dende 1987 leva a Costa da Morte solicitando un Centro ou un Museo de Arqueoloxía Subacuática. Porque a riqueza patrimonial dos nosos fondos mariños é magnífica, a pesar do que, a falta de vontade política, e de altura de miras, fai que todo ese patrimonio acabe migrando a outras partes do país. Os canóns viaxan camiño do Museo do Mar de Vigo, a pesar das peticións dun Concello de Camariñas que quere poñer a primeira pedra para crear o “Auditorio do Mar”.
Esta semana, para non deixar pasar a inercia do achádego da pasada semana, a activa Asociación de Veciños Costa da Morte de Fisterra solicita ”a creación do Centro para a Investigación da Arqueoloxía Subacuática de Galicia, con sede en Fisterra e adscrito á Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e outros organismos públicos e privados e que todos os obxectos recuperados do fondo do mar nesta zona sexan exposto no Museo do cal devandito Centro debe de estar dotado”.
Así o solicita recordando que xa en 2011 o seu presidente, Fernando Carrillo, se puxera en contacto coa USC, que recoñecía a “prometedora e interesante idea”, pero que sinalaba que carecían de cartos para abordar un proxecto semellante.
Carrillo propón Fisterra para a construción deste “Centro de Investigación”, pola simboloxía do seu emprazamento, deixando caer a posibilidade de que sexa o propio Faro o que o albuergue. Pero seguro que non se oporían se o Auditorio do Mar de Camariñas se convirte en realidade, ou se algunha entidade tivera a ben recuperar o esfolado Museo Seo de Corcubión, un emprazamento ideal para un proxecto coma ese.
"Pasará un mes, e os nosos políticos esquecerán o asunto", denunciaba o mesmo San Claudio. Comprobarémolo pronto.
NOVAS RELACIONADAS
- 18-09-19: Piden que os canóns do séc. XVI rescatados en Camariñas queden na Costa da Morte.
- Miguel San Claudio: ”Ogallá os responsables políticos sexan conscientes do que teñen co patrimonio náutico e subacuático da Costa da Morte e lle saquen partido”.
- Estragando unha gran ocasión co esfolado Museo Seo de Corcubión.
- 2011: Non ao Museo subacuático da Costa da Morte.
- 2011: A Xunta asegura que estudiará a creación do museo subacuático da Costa da Morte.