Venres. 26.04.2024
El tiempo

8M, conxuro polo empoderamento

Cartel da exposicion Bruxa de Viki Rivadulla
Cartel da exposicion Bruxa de Viki Rivadulla
8M, conxuro polo empoderamento

Reclamo o meu lugar no mundo; o teu, o noso, o de todas. O anaco de territorio que pisan os meus pés de muller.

E conxuro o silencio, o veo deitado sobre as mulleres sabias, sobre as que nos deron o leite e peitearon as nosas trenzas; as que abriron os camiños e gardaron as sementes. As que nos contaron os contos todos.

Conxuro o medo á ira dos que noutrora amamos e agora son verdugos das nosas liberdades. Conxuramos o substantivo masculino excluínte onde nos pechan e nos silencian, enmudecen e anulan.

Conxuramos a todos os depredadores, chuchadores do noso tempo e o noso ser, que pospoñen as nosas vidas, para vivilas… cando?

Conxuramos a pobreza que se aferra ás unllas das mulleres e fai niño nas carnes secas e nas nenas mortas para darse en velenosa herdanza.

Conxuramos a dor das coitelas da mutilación e o terror ante a besta que aniquila a inocencia.

E collo as mans quentiñas das mulleres que me axudan a saír das tebras, que alumean o camiño.

E collo tamén a man das que veñen detrás, das que aínda non son. Xuntas saímos todas das catacumbas. Milleiros de mulleres paríndonos unhas ás outras, dándonos á luz…

Somos as sen nome. Pero temos nome.

Digo o meu nome e o teu .Feminino singular, feito plural indomábel.

O noso nome, furacán que fura a noite escura.

Porque temos en nós a semente para construír un mundo novo. O ronsel da liberdade. Os coidados da Terra. E non imos renunciar a plantar esa semente.

Atoparemos a terra fértil!.

Novas relacionadas

Comentarios