Mércores. 21.08.2019
El tiempo

Viki Rivadulla: "Bruxa fala do empoderamento feminino e a sororidade como ferramentas para loitar contra a violencia"

Viki Rivadulla estreando a Mostra Bruxa en Vimianzo
Viki Rivadulla estreando a Mostra Bruxa en Vimianzo
Viki Rivadulla: "Bruxa fala do empoderamento feminino e a sororidade como ferramentas para loitar contra a violencia"

Este venres tivo lugar en Vimianzo a inauguración da exposición “Bruxa!”, de Viki Rivadulla. A Sala Antón Mouzo acolleu unha cita especialmente reivindicativa, pois a artista muxiá levou consigo 12 mulleres, 12 bravas da Costa, que leron textos feministas, en clara sintonía co 8 de marzo.

Aí estiveron arroupando Cari Camarero, Lola Torrano, Cristina Ledo, Esther Canosa, Chus Barbeira, Teresa Castro, Rosa M Sánchez, Sonia Andrade, Marta Rey, Aranza López, Uxía Sar e Maria José Fernández. “Estón moi agradecida a todas, é un luxo telas na miña vida”, coméntanos unha orgullosa Rivadulla que nos explica como é a exposición e como foi a velada.

Viki Rivadulla estreando a Mostra Bruxa en Vimianzo coas amigas

  • QPC: Que tal foi a inauguración?

Foi moi bonita. Un acto moi reivindicativo, emotivo e sobre todo colectivo. Logo de falar o alcalde Manuel Antelo (que leu “A xustiza pola man”, de Rosalía de Castro) contei eu un pouco sobre o contido da mostra e logo as miñas amigas leron textos de autoras que foron inspiradores deste proxecto (textos de Marcela Lagarde, M Xosé Queizàn, Rita Segato, Clarissa Pinkola, June Jordan…).

E ao remate fixemos unha lectura colectiva, xunto co público, dun conxuro polo empoderamento que escribin eu. Ese momento de lectura colectiva foi máxico, todo o público e nós lendo a unha soa voz, foi unha sensación marabillosa.

  • QPC: Que nos conta a exposición “Bruxa”?

É o meu último traballo que nace dunha fonda preocupación pola violencia contra as mulleres. A figura da bruxa é paradigma da muller libre, sabia, relacionada co saber ancestral e coa terra e a natureza e contra a que se abriu unha guerra para eliminala ou metela na casa. O sistema, como di Silvia Federici, precisaba meternos na casa a parir traballadores e a levar o sistema de coidados, totalmente invisibilizadas.

Pero esta caza de bruxas segue vixente a día de hoxe con múltiples formas.

A exposición fala tamén do empoderamento femenino e a sororidade como ferramentas para loitar contra esa violencia. Hai moita obra que fala disto e realmente a exposición é un canto ao empoderamento e á liberdade das mulleres.

  • QPC: Son cadros novos, creados para esta exposición? Algunha novidade no proceso creativo?

É toda obra do 2018 e incluso do 2019, feita especialmente para este proxecto. Solo hai duas obras anteriores que encaixaban moi ben coa temática, porque realmente toda a miña obra tivo sempre unha implicación feminista.

Como novidade incorporo uns textos mesturados cos cadros que son de autoras de cabeceira e que teñen moito que ver con este proxecto. Eu sempre leo moito, pero cando estón creando leo aínda mais.

Hai 21 acrílicos sobre lenzo, hai unha escultura, unha montaxe debuxos e catro tintas

  • QPC: Que significa para ti expoñer na Sala Antón Mouzo?

Pois un orgullo, porque o nome infunde respecto, admiración e moito cariño. É un artista que hai que poñer onde se merece. Un luxo para a Costa da Morte e para Galicia.

Este proxecto vai percorrer varias salas, sae o 9 de maio para o Museo Provincial de Lugo e en outubro para Portas Ártabras, na Coruña, pero tiña moi, moi claro que a primeira inauguración giña que ser na Costa da Morte. E a sala Antón Mouzo é perfecta en tódolos sentidos.

  • QPC: Son tan importantes ainda estas acciòns en materia de Igualdade?

Son imprescindibles e necesarias. Porque ainda está instaurado o sistema do que nacen todas as opresións, e especialmente as das mulleres. Porque seguen amatarnos, violarnos, ningunearnos, silenciarnos... Porque estamos, certamente, nun momento histórico no que hai un movemento importante das mulleres, pero tamén hai a reacción a elo, un rearme do patriarcado que pon toda a súa maquinaria en marcha para maternos quietiñas. Se non poden frenarnos dun xeito, entón comeza o fenómeno da banalización do feminismo. O caso é quitarnos forza. Pero nós non imos dar nin un paso atrás.

  • QPC: Foi realmente o 2018 un ano histórico en materia de reivindicación da muller? Será este 2019 outro ano importante ou decaerá a loita coa irrupción de novas forzas políticas que deslixitiman a discriminación positiva?

Será este 2019 outro ano importante ou decaerá a loita coa irrupción de novas forzas políticas que deslixitiman a discriminación positiva? Si, o 2018 marcou un momento forte e emocionante. Ver na rúa a tantas mulleres, moitas mozas... E o 2019 vai seguir na mesma liña, porque non é unha loita dun día, o feminismo é un movemento que leva séculos cambiando o mundo, a sociedade na que vivimos non sería como é sen a loita e os logros do feminismo que son logros para toda a sociedade.

Canto a irrupción das novas forzas políticas... Nada novo baixo o sol! O patriarcado leva séculos oprimindo à humanidade, á nagureza, aos pobos e sobre todo ás mulleres. Cando hai unha vaga forte do feminismo hai unha reacción pola súa parte. E eso, lonxe de pararnos é un motivo maior para seguir movéndonos. Cando unha muller entra no feminismo, cando inicia o camiño para liberar a balea xa non hai marcha atrás!

Novas relacionadas

Novas relacionadas do 8 de marzo

Comentarios