Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A emigración do pasado e a emigración actual: distinta forma, mesmo fondo

A emigración do pasado e a emigración actual: distinta forma, mesmo fondo

En decembro do 2009 emigrei a Londres (UK). Tiña entón 28 anos e estaba a piques de rematar a miña especialidade como médico-psiquiatra. A motivación principal era facer unha carreira investigadora nun centro de prestixio coa posibilidade de acadar tan valiosa experiencia personal e profesional. Agora traballo como psiquiatra clínico no sistema público británico de saúde ao tempo que continúo facendo o meu doutoramento, cun salario máis que suficiente para cubrir as miñas necesidades diarias na vida londinense.

O pasado Nadal estiven no Río de Janheiro onde atopeime con varios emigrados da zona de Coristanco-Santa Comba-Negreira, que chegaran ao Río nos anos 50 e 60. Na meirande parte dos casos, trátabase de rapaces que con apenas 20 anos saíran da casa na procura dun mellor futuro económico. A maioría non tiña estudios universitarios nin case aforros. Nunha comarca de marcada actividade agraria e gandeira, normalmente o irmán maior herdaba a explotación e terras dos pais mentres que os máis pequenos tiñan que buscar alternativas, popularizándose a emigración como unha delas. Se por Carnota recibiron a chamada de NY, dende Coristanco a Negreira, pasando por Zas ou Santa Comba, produciuse un efecto chamada ao Brasil, e concretamente ao Río de Janheiro. Así, tras deixar a terriña, como eles chaman a Galicia, estes homes tan novos foron empregados maioritariamente na hostelaría aceptando xornadas de ata 20 horas durante 6-7 días á semana dadas as súas necesidades económicas. Posteriormente, os primeiros aforros e a confianza obtida do ‘xefe’ dáballes a oportunidade de converterse en empresarios ao facerse cunha pequena porcentaxe da caixa. Hoxe, algúns destes emigrados poseen enormes riquezas no Río e en Sao Paulo, principalmente hoteles e restaurantes. Pese a idade xa superior aos 65 de moitos deles, no Río continúan a vivir, e ‘traballar’, dende onde ‘ollan’ a terriña, que semella alonxarse cada día un pouco máis.

Por tanto, penso que a emigración ao Brasil (e outros países de Sudamérica) nos anos 50-60 representou un fenómeno conceptualmente ben diferente ao que moitos galegos universitarios da miña xeración estamos a experimentar, se ben tamén existen semellanzas. O resultado positivo para o individuo en ámbolos dous casos podería non ser tal para Galicia, o que resulta moi proporcional ao índice de retorno. En calquera caso, a emigración foi e será elemento esencial da historia de Galicia como ben simboliza a nosa bandeira, orixinalmente a bandeira da autoridade portuaria da Coruña e última imaxe de Galicia que vían os emigrantes galegos á Habana de fináis do século XIX.

  • Javier López Moríñigo, doutor psiquiatra formado na USC traballando na actualidade na área de saúde mental do hospital South West London ([email protected]).

Máis artigos do Doutor Moríñigo en QPC

Artigos relacionadas

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

Comentarios