María Candamo e Xaime Beiro inauguran a mostra dos 50 anos de ADEGA en Muros

O proxecto expositivo foi posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña e á implicación de persoas socias e simpatizantes que contribuíron na elaboración dos textos e na achega de imaxes históricas. Esta mostra forma parte dun programa de actos que ADEGA está a desenvolver ao longo deste ano por todo o territorio, co obxectivo de reivindicar a súa traxectoria e, ao tempo, lembrar fitos e mobilizacións ecoloxistas que marcaron o presente e o futuro da Galiza. A exposición tamén pretende animar as novas xeracións a implicarse na defensa do territorio e do patrimonio natural.
O acto de inauguración, celebrado ás 12:00h do mediodía na Praza do Concello, contou coa colaboración do Concello de Muros e coa participación da súa alcaldesa, María Lago, que agradeceu a ADEGA a achega desta mostra ao concello e fixo un convite a toda a veciñanza a visitala.
Tamén tomou a palabra María Candamo, veciña de Louro e creadora de Lixo Atelier, un proxecto de artesanía, deseño e transformación de residuos que atopa nas praias en xoias únicas. Moi involucrada nas múltiples limpezas que se organizaron no marco da recente crise dos péllets, María Candamo lembrou a "rabia e impotencia" daqueles momentos e puxo o foco na importancia de que existan asociacións ecoloxistas para a organización e formación de voluntariado ambiental.
A continuación, Xaime Beiro, tamén veciño de Louro e submarinista audiovisual, falou da necesidade de se xuntar e de "preocupármonos polo noso". "Estamos diante dun problema serio de contaminación mariña e cambio climático que afecta o noso mar. A divulgación é o primeiro paso para tomar conciencia e ese é o obxectivo co que traballamos. Exposicións coma estas axudan a que a xente coñeza as marabillas que hai no noso mar e a necesidade de coidalas", explicou.
Fins Eirexas, secretario técnico de ADEGA, foi o encargado de conducir o acto e agradeceu a presenza de todas as persoas e entidades colaboradoras, como Noia Limpa, que se achegaron ata a praza. "Esta exposición é unha mirada atrás, seguida de moita esperanza e moito compromiso para outros 50 anos máis. Se ADEGA non existise, se o movemento ecoloxista non existise, este país sería diferente". O acto rematou cunha visita guiada á exposición, que terá como seguinte parada o Concello de Arzúa o próximo 28 de agosto.