![Os participantes aprenderán a practicar xogos de dedos e cantigas para xogar cos máis pequenos]()
Os participantes aprenderán a practicar xogos de dedos e cantigas para xogar cos máis pequenos
A ludoteca de Carballo acolle mañá xoves o
obradoiro "Prende no Colo" no que nais e pais aprenderán a practicar xogos de dedos, cantigas, recitados,... para xogar cos pequenos. Esta actividade, que se enmarca dentro do proxecto Apego, de socialización da infancia en galego. No obradoiro poden participar nais e pais con nenos/as de 0 a 3 anos. As prazas son limitadas polo que cómpre inscribirse no Servizo de Normalización Lingüística (981 704 304 ou nelvidal@carballo.gal).
Son moitos os xogos, recitados, cantigas,... que se fan, ou facían, cos nenos pequenos, pero, pouco a pouco, algúns fóronse perdendo e deixaron de transmitirse. Por iso ten lugar este obradoiro, para que as nais e os pais poidan seguir a xogar cos seus fillos e fillas a través da nosa lingua e da nosa tradición, transmitíndolles o mellor que temos a través do apego. E é que esta é unha actividade enmarcada dentro do proxecto que leva ese nome,
Apego, que é afección, vínculo, empatía. O apego é necesario para o desenvolvemento social e emocional. E o apego é fundamental para a lingua. Por isto este proxecto Apego, de socialización en galego desde a primeira infancia.
Co fin de que poidan participar todas as persoas interesadas, o obradoiro terá lugar en dúas quendas, unha ás 17.30 h e outra ás 18.30 horas.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
- Ludoteca Carballo