Domingo. 13.10.2024
El tiempo

"Non é só unha cuestión de independencia dos poderes políticos e de veracidade na información, senón tamén de precariedade laboral"

"Non é só unha cuestión de independencia dos poderes políticos e de veracidade na información, senón tamén de precariedade laboral"

As xornalistas Mabel Montes, de Baio, e Lorena Pose, de Ponteceso, durante unha mobilización dos Venres Negros 27 semanas. É o tempo que o persoal da Televisión de Galicia e a Radio Galega leva coas mobilizaciós dos Venres Negros polo incumprimento de lei de medios do ano 2011 así como polo manexo informativo nos medios públicos galegos. Falamos sobre o tema coa xornalista Lorena Pose Varela (Ponteceso, 1979), coa que tamén facemos un repaso da súa carreira profesional. Es unha das caras máis visibles dos xornalistas da Costa da Morte. Como comeza a túa andadura no mundo da comunicación? O meu co xornalismo foi unha cuestión meramente vocacional, algo que tiña claro que quería facer desde que estaba no último tramo dos estudos de Bacharelato. Era o que tiña na cabeza cando fixen a Selectividade e a única opción que manexaba, así que se non saíse a nota non sei moi ben o que tería feito. Polo que estudei Xornalismo en Santiago, e logo estiven un ano en Madrid facendo un master. Ao rematar, viaxei e traballei por fóra durante un tempo, pero despois dun ano e medio xa comecei na Televisión de Galicia, que xa coñecía das prácticas de último ano da carreira. Moita xente non sabe que antes da TVG pasaches por Telecinco e Antena3. Que tal a experiencia nos medios privados? Si, conseguir unha oferta regularizada na TVG non foi doado naquel entón, e no medio diso foron saíndo cousiñas e ocos no servizo territorial de Telecinco na Coruña e Santiago, cando aínda había delegación, ao igual ca en Antena3.  Metín a cabeza para ver como funcionaban os medios privados, pero o que realmente me dou a regularidade laboral foi a TVG. Despois de case vinte anos de experiencia diante das cámaras, que formato ou xénero televisivo prefires? Eu teño que recoñecer que son máis de información pura e dura. De feito, cando me propuxeron o cambio á Revista doume como un pouco de aprehensión porque tampouco sabía ata que punto me ía sentir cómoda nese tipo de formato, onde se supón que tes máis liberdade. Pero sucedeu xusto o contrario, sentinme moi ben e foi unha experiencia moi positiva en todos os niveis! Aínda así, para min a esencia é a información. Encántame o formato informativo de deportes no que estou agora, era algo que me levaba apetecendo desde hai moitísimo tempo.

Cando me pediron que volvese ao galego normativo e deixase de usar a gheada, nunca compartín esa postura pero tiven que acatalo porque era o que tocaba

Foi cando estabas na Revista da fin de semana, no ano 2012, cando a dirección de informativos che pide que deixes de empregar a gheada. Como tomaches que che prohibiran usar unha variante dialectal que está recoñecida e que se pode empregar sen problema? Entre as liberdades que che dan este tipo de formatos, no tema da fala ti non estás tan suxeita a un pronter como estás nun informativo diario, que é algo moito máis pechado e no que non hai tanta marxe para a improvisación. No magacine fas moitas máis entrevistas polo que a miña forma de falar aparece de xeito totalmente natural. Cando me deron ese toque e me pediron que volvese ao galego normativo, nunca compartín esa postura pero que tiña que acatalo porque tampouco me estaban pedindo nada que excedese as competencias do directivo de turno, senón que utilizase a linguaxe normativa de maneira que todo galego falante que nos escoitase se sentira recoñecido. Entón, sen compartir ese pensamento, acateino porque era o que me tocaba. Agora es unha das caras visibles dos Informativos de Deportes. Teño entendido que es celtista e deportivista a partes iguais. Como se explica isto? [risos] A querencia polos equipos da zona está aí, canto mellor lles vaia a eles mellor nos vai ir a nós en tódolos sentidos. Imaxínate tódolos postos de traballo que se xeran arredor dun equipo que está en Primeira División. Por iso, ogallá o Depor volva a primeira porque eu creo que está facendo un bo traballo e van polo bo camiño, e que o Celta se manteña. Nos últimos meses, a CRTVG é noticia polas mobilizacións dos Venres Negros, campaña coa que o persoal da Televisión e Radio Galega denunciades o incumprimento da lei de medios, así como a manipulación informativa e a dificultade para desenvolver un traballo con criterios profesionais. Algunha vez te viches na tesitura do manexo de información? Como redactora nunca estiven adscrita a informacións de corte político ou cuestións de tratamento máis ‘delicado’. Entón, non é algo que eu padecese nas miñas carnes, pero si me puido chegar de maneira sucinta nun tema que nun principio non consideras que poida resultar conflitivo. É dicir, nunca me afectou de maneira tan directa pero é algo que si está aí, ás veces xa non tanto porque haxa unha petición directa, senón que é o propio traballador o que se aplica a autocensura que ten que ver coa precariedade laboral de cada un dos profesionais. Trátase dunha mobilización sen precedentes. Esperabades chegar a tanto? Oxalá non tiveramos que chegar á semana 27, porque iso implicaría pois que as demandas que se están facendo se escoitan e que hai receptividade, pero lamentablemente non é así. Hai pouco que escoitamos falar ao director da TVG nunha comparecencia nunha Comisión do Parlamento referíndose a que a produción propia se vai reducir ata o punto de que só queden os Informativos.... entón, non é  só unha cuestión de independencia dos poderes políticos e de veracidade na información, senón tamén unha cuestión de precariedade laboral. As reivindicacións son moi amplas e como que se suman, non? Defende A Galega nace como unha plataforma que pelexa porque se cumpra a lei de medios do anos 2011, que se cree este consello de informativos e que nos poidamos desprender un pouco do lastre da politización. Pero as reclamacións son moitas, mestúranse, e teñen que ver entre elas.

Os centos de apoios que nos están chegando de fóra, dannos azos para continuar na loita

E unha vez que a pelexa comeza e que se mesturan varias reivindicacións, é difícil chegar a unha solución? Si, non creo que ninguén  se plantexe dar un paso atrás a non ser que haxa un chamamento por parte da empresa ou se cambie a postura, pero en calquera caso eu non son moi optimista polas últimas declaracións e polo que se ve e escoita continuamente. Así que seguiremos adiante co empeño de todos os profesionais que traballamos aí e cos centos de apoios que están chegando de fóra, o que nos dá azos para continuar na loita. Lorena Pose TVG-      

Comentarios