Martes. 19.11.2019
El tiempo

A pesca artesanal pide un reparto de cotas de xarda por Comunidades

A pesca artesanal pide un reparto de cotas de xarda por Comunidades

Un clásico a estas alturas do ano. A cota da xarda da pesca artesanal esgótase co reparto actual. Un asunto que trae graves consecuencias económicas e sociais para os pequenos armadores, que se une á crise na pesca de baixura, con cada día máis gastos e menos ingresos.

Por iso dende Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia Asoar-Armega piden "un reparto de cotas por Comunidades Autónomas, posto que a xarda ao ser unha especie migratoria, cando chega as costas galegas e as embarcacións comezan a dedicarse a esta especie atópanse co problema de que en poucas semanas xa se ten practicamente esgotado toda a cota correspondente a pesca artesanal debido as capturas que se realizaron nas outras Comunidades en semanas anteriores, polo que as embarcacións artesanais galegas apenas se poden beneficiar deste recurso".

Segundo sinala a patronal de baixura, "unha parte do problema podería solucionarse facendo un reparto da cota correspondente ao Caladoiro Cantábrico Noroeste por Comunidades Autónomas atendendo ao número de embarcacións coas que conta cada unha delas, posto que cada unha tería a súa cota asignada e podería dedicarse a esta especie cando chegase as súas costas".

"A pesares de que este podería ser un primeiro paso para intentar solucionar este problema", continúan, "dende ASOAR-ARMEGA seguimos defendendo que toda a flota artesanal debería estar excluída do sistema dos TACs por tratarse dun modo de pesca sostible tanto para esta especie como para as outras e respectuoso co medioambiente mariño como xa se ten demostrado.

Capturas accidental ou solidarias?

A entidade ademais remarca que "coas artes de enmalle coas que se traballa, como betas ou miños, sempre se pode capturar de forma accidental esta especie e ao estar esgotada a asignación que lle corresponde, os mariñeiros vense na obriga de tirala ao mar".
Pero matiza que "esta é unha acción que non beneficia nin ao sector nin ao recurso posto que as capturas tíranse xa mortas ao mar e é unha perda económica e un aumento do traballo para os mariñeiros e por outra parte contamínase o fondo mariño".

E así conclúe: "Polo que dende a entidade pensamos que na situación actual de crise que se está a sufrir e co gran incremento de persoas que se teñen que favorecer das organizacións benéficas para poder subsistir, unha solución que se lle podería dar a esta pesca accidental en lugar de arroxala ao mar podería ser que se doasen a algunha entidade ou comedor benéfico".

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios