A vergonza do abandono, entre toxos e silvas, de catorce dólmens declarados BIC pola Xunta
12:16 23/08/15

O Parque Arqueolóxico do Megalitismo, prometido de elección en elección
Desde a Dirección de Patrimonio da Xunta acabaron botándolle a culpa ó propietario do monte, que pode tela, pero a persoa responsable de tal Dirección Xeral tena aínda máis, máxime se se pensa que practican o “laiissez-faire” (ou, peor aínda, “il dolce far niente”) pola posta en valor da riqueza dolménica da Costa da Morte. E deste xeito seguiremos perdendo un dos nosos mellores atractivos turísticos, pero xa non estraña a ninguén pois para a Costa da Morte –a zona marítima máis deprimida de Galicia, malia o seu potencial monumental e paisaxístico- o Goberno galego só parece ter unha resposta negativa xeneralizada. Non ó Parque do Megalitismo, non á posta en valor do Penedos de Pasarela e de Traba, non á declaración do monte Pindo como parque natural… O dolmen de Dombate pasou case vinte anos –os do goberno de Fraga, casualmente- agochado por unha burda lona de plástico (“o burka de Dombate”, chegou a chamárselle). Agora, unha vez que hai uns anos se puxeron de acordo os técnicos da Deputación da Coruña e da Xunta, xa goza de protección e ten un centro de recepción á altura de calquera país europeo. Por fin se fixo algo decente, ¡pero hai que ver os anos que botaron para se poñeren de acordo: polo menos vinte! Algo e algo, e ben que se nota na economía da zona, como o testemuña o alto número de visitantes que recibe anualmente. Pero Dombate, a chamada “catedral” das antas galegas, non debe escurecer o resto dos “templos” da súa redonda, que nalgún caso ten a mesma categoría: caso de Pedra Cuberta e da Pedra da Arce de Regoelle, estudadas en 1933 polos arqueólogos alemáns Georg e Dora Leissner. Dombate acadou sona por unha poesía de Pondal, pero a Arca da Piosa tamén mereceu a atención do bardo bergantiñán, pois nela situou a tumba dun gran guerreiro celta, “o valente Brandomil”.
De ano en ano pérdense moitos ingresos en turismo cultural e paisaxístico pola desidia da Xunta
Arqueólogos da categoría de José Mª Bello, Antón Rodríguez Casal ou Manuel Lestón, por citar só algúns dos galegos, traballaron arreo polos megálitos da Costa da Morte. Antes fixérano os alemáns Georg e Vera Leisner (anos trinta), a irlandesa Elisabeth Shee (anos setenta), entre outros. No Seminario de Estudos da Costa da Morte publicamos guías en galego, castelán e francés, e mais un documental. O noso megalitismo é coñecido de sobra polos arqueólogos de toda Europa, pero a Consellería de Cultura parece dalo a esquecemento incumprindo a obriga que ten de poñer en valor eses monumentos tan pomposamente declarados BIC: hai que restaurar as antas que teñen as tampas e lousas desprazadas, limpar as zonas de monte onde se atopan, facilitar os accesos…, e tamén abrir un centro de recepción axeitado. O investimento, desde logo, vai ser máis ben modesto, pois non require a construción de ningún macroedificio nin nada semellante.
¿Para que serviu que se declarasen BIC catorce antas da Costa da Morte?
Por pouco que un viaxe verá que noutros lugares se lles presta a estes monumentos das “grandes pedras” de hai máis de 5.000 anos un coidado que non vemos en Galicia. Nas fotos que se adxuntan vese o estado deplorable de tres destes BIC: Pedra Cuberta, a de acceso máis doado, con agún piñeiro caído sobre el; a Pedra Moura de Carnio hai que adiviñala, pois está totalmente oculta pola herba alta do herbal onde se atopa. E a Arca da Piosa, a mítica tumba do Brandomil pondaliano, rodeado de toxos grosos e altos medrados na súa mámoa que xa non deixan ver as súas dúas ciclópeas tampas de 6 toneladas cada unha. Aquí a única entidade que cumpriu co seu cometido foi a empresa madeireira que explota o monte de Muíño (Zas), que se comprometeu a non plantar nin piñeiros nin eucaliptos nunha ampla área circundante para non danar a mámoa e así o fixo. Para que logo critiquen a falta de colaboración dos particulares.
¿Non haberá ningún dirixente político galego que teña viaxado pola Europa atlántica?
En fin: hai pouco o xornal La Voz de Galicia (edición de Carballo) dedicáballe unha páxina enteira ó estado do patrimonio megalítico da Costa da Morte: “El patrimonio megalítico de la zona está abandonado entre la maleza. La mayoría de los dólmenes están desprotegidos y mal señalizados” (15-07-2015). A reportaxe, da autoría de Andrea Anido, X.A. e Clara López, tamén recollía declaracións de visitantes que deberían facer reflexionar ós responsables da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, pero un, xa acaba perdendo toda esperanza de que nas Administracións haxa dirixentes cun mínimo de sensibilidade. ¿Non farán alguna viaxe cultural por alguna outra “fisterra” atlántica de Europa como Bretaña, Cornualles, Gales ou Irlanda para ver como alí estas “grandes pedras” constitúen un dos máximos activos da súa economía? A un caeríalle a cara de vergonza se sabe que turistas de todas as nacionalidades veñen ver os monumentos da Ruta dos Dólmens da Costa da Morte e os atopan no estado que se amosan nas fotos. Unha visitante madrileña estrañábase na reportaxe citada da “falta de impulso de la cultura megalítica como atractivo turístico”. Calquera o ve! Neste tempo de crise en que moitos mozos e mozas da Costa da Morte (e de Galicia) emprenderon o camiño da emigración, ¿como non se pon dunha vez por todas en valor este potencial cultural? Polo “non” por sistema, pola falta de formación ou pola simple nugalla de quen nos goberna; así de claro. O investimento no Parque do Megalitismo da Costa da Morte estamos convencidos de que sería do máis barato: abondaría con delimitar a área dos monumentos, procurar unha limpeza mínima, acondicionar os accesos e zonas de aparcamento de vehículos (alí onde se poida chegar con coche), habilitar un centro de recepción decente e pouco máis. O resto (guías, documentais…) en boa parte xa llelo demos feito. Agora hai un conselleiro de Cultura –Román Rodríguez- que é profesor de Xeografía na USC. Debería ser máis sensible cós anteriores ó patrimonio artístico, monumental e paisaxístico, pero por experiencias anteriores temos certeza de que vai facer o mesmo cós anteriores: “rien de rien”, nada de nada. Poñemos a man no lume. O Gaiás importa máis.- Xosé María Lema Suárez (lemasuárez@quepasanacosta.com).
Novas relacionadas
- 4 Bens Culturais da Costa da Morte na Lista Vermella do Patrimonio Galego.
- Arrincan as obras que sepultarán o Castro tapado de Laxe.
- As fortalezas ocultas de Muxía.
- Mámoas esquecidas baixo os eucaliptos.
- Unha reforestación con eucaliptos dana a mámoa da Arquiña de Vilaseco.
- Dombate: Un museo sen guía.
- Dombáter: Unha crítica a actuación no dolmen cabanés.
- Excursión pola Ruta das Antas da Costa da Morte.
Novas sobre o Parque do Megalitismo
- 14-10-14: O Parque do Megalitismo da Costa da Morte, 13 anos de quimera.
- 26-10-11: Pasiño a pasiño co Parque do Megalitismo.
- 13-07-08: Un paso máis cara a aprobación final do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte.
- 11-08-08: 14 megalitos da Costa da Morte serán denominados Bens de Interese Cultural .
Novas sobre Lema Suárez
- Lema Suárez, Premio da Crítica de Creación Literaria.
- A Costa do Solpor de Lema Suárez lidera o top-10 das obras narrativas galegas do 2013.
- Xosé María Lema trouxos os piratas de volta a casa.
- Lema Suárez estréase coa súa primeira novela de piratas “Costa do Solpor”.
Artigos de Lema Suárez en QPC
- A curiosa prehistoria do fútbol da Costa daqueles anos vinte.
- Costa do Solpor (I): a viaxe de volta da illa do tesouro.
- A placa de Zennor (Cornualles), ou a tristeza pola morte dunha lingua. ¿Levamos en Galicia o mesmo camiño?.
- O mellor edificio da Costa da Morte.
- A Costa da Morte, nai nutricia inesgotable de anécdotas.
- O 12 de abril, a data exacta dos 50 anos da Liga da Costa.
- Reflexións sobre o incencio do Santuario da Barca de Muxía.
- As traducións e a (in)visibilidade da literatura galega.
- A oposición da Xunta aos parques naturais.
- O ascenso, a celebración ideal do cincuentenario do C.D. Baio.
- A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa (II).
- A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa.
- Un accidente por culpa do galego (a realidade supera a ficción, e non vos riades).
- O dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e a súa infancia en Baio.
- Os haikus de Miro Villar.
- Vítor H. Brandalise, un brasileiro seguindo os pasos do caderno de campo do xeógrafo Domingo Fontán por Galicia.
- As imaxes roubadas das igrexas de Nande e Traba (Laxe): hai interese por evitalo?.
- Avelino Pousa Antelo, lembranzas persoais.
- Finou o vello galeguista Avelino Pousa Antelo.
- Bicentenario da Constitución de Cádiz: actitudes opostas de dous cregos da Costa da Morte en 1812.
Fonte
- Artigo de Xosé María Lema Suárez publicado na edición en papel do Sermos Galiza.