Luns. 06.12.2021
El tiempo

Aberto o prazo de inscrición no Club de Debate

Aberto o prazo de inscrición no Club de Debate
Os servizos de normalización lingüística de varios concellos - entre eles o de Carballo - veñen de abrir o prazo para inscribir equipos no Club de Debate, actividade dirixida ao alumnado de 3º, 4º da ESO, bacharelato e ciclos formativos que teñan #moitoquedicir. O Club de Debate pretende promover o pensamento crítico e analítico, fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo á vez que impulsa os usos orais en lingua galega en contextos formais e informais. Na pasada edición foron máis de 200 rapaces e rapazas participantes distribuídos/as en 27 equipos, dous deles de Carballo. Eses equipos son sempre mixtos e están formados por entre 4 e 10 alumnos/as e un profesor ou profesora coordinador/a. O prazo inicial de inscrición está aberto ata o 30 de novembro, e a xornada de formación para os equipos está prevista para xaneiro. Despois haberá debates de zona, que terán lugar sempre antes do 8 de abril, e a final galega está prevista para comezos do mes de maio. O tema seleccionado para esa final é: “As TIC favorecen o uso do galego”, e os temas das fases de zona están aínda por determinar. Os equipos clasificados de cada zona no 1.º e 2.º posto recibirán un premio de 500 e 300 euros respectivamente, e o equipo gañador absoluto será premiado cunha viaxe multiaventura dunha fin de semana en grupo na que se inclúen contidos culturais e lingüísticos. As inscricións poden formalizarse a través dos servizos de Normalización Lingüística municipais. Novas relacionadas Fonte

comentarios