Venres. 19.04.2024
El tiempo

As ANPAS Galegas amosan a súa preocupación ante o inicio do curso con este manifesto

As ANPAS Galegas amosan a súa preocupación ante o inicio do curso con este manifesto

Días de incerteza total para todas as familias de Galicia ante o comezo de curso. Despois de case 6 meses pensando en cando volverá empezar a escola, pelexando coa conciliación laboral e familiar, a falta de información, protocolos... e as críticas dos profesionais do ensino, poñen ás familias nunha auténtica situación de vulnerabilidade.

Así, a Confederación de ANPAS Galegas lanza un completo manifesto que podedes ler na web angasgalegas.gal, no que defenden a volta presencial ás aulas, pero con seguridade. Estas son as principais conclusións e demandas das ANPAS:
 

- A volta presencial ás aulas, pero segura e responsábel, de non ser así, exerceremos o noso dereito a sermos as defensoras últimas da seguridade das nosas fillas e fillos, sen límites.

- Un plan de acollida emocional ao alumnado que inclúa o fornecemento de formación e medios ao profesorado, equipas directivas e persoal non docente.
- A reorganización, formal e homoxénea en todo o territorio galego, dos currículos das materias deste curso 2020-2021, reducíndoos para que poidan incorporar todos os contidos do 3º trimestre do curso pasado.
- A posta en marcha inmediata da contratación de persoal de enfermería en cada centro escolar.
- A dotación en todos os centros escolares da figura da educadora social.
- O mantemento sistemático da distancia de 1,5 metros durante todos os momentos e circunstancias lectivas, en consecuencia:
    •    Procura dos espazos necesarios para facilitar o desdobre de aulas.
    •    Contratación do profesorado necesario.
    •    Contratación do persoal de apoio necesario.
- Gratuidade absoluta, para toda a comunidade educativa, do material necesario para a protección e hixiene das persoas e lugares onde se realicen as actividades lectivas ou complementares.
- Posibilidade de non asistencia a clase para aquel alumnado que estea en situación de risco sanitario, ou que conviva con persoas nesa situación; logo de xustificar esta circunstancia.
- Organización profesional da limpeza e hixiene dos centros educativas e do transporte escolar.
- Garantía de detectar e atender a calquera fenda dixital (económica, xeográfica ou formativa) na que poida incorrer o alumnado ou as familias galegas.
- Plan especial de atención á diversidade e nomeadamente  ao alumnado NEAE, nunha hipotética cancelación total ou parcial da formación presencial.
- Garantía absoluta da formación de profesorado, alumnado e familias nunha posíbel formación a distancia que garanta:
    •    A utilización de plataformas e sistemas de comunicación homoxéneos, limitados e coñecidos.
    •    control dos tempos dedicados á formación a distancia.
    •    acompañamento ao alumnado, nomeadamente ao alumando NEAE, así como ás crianzas de menor idade do sistema.
Confederacion de ANPAS GALEGAS

Comentarios