Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Asociación de Medios en Galego move a lingua e achégase á mocidade a base de música

Dia dos Medios 4
Ortiga, Grande Amore, Mercedes Rosón, Valentín García e Pablo García
A Asociación de Medios en Galego move a lingua e achégase á mocidade a base de música

Cada 7 de febreiro Galicia, e gracias á determinación da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), celebra o Día dos Medios en Galego. É a Costa da Morte, comarca eminentemente galegofalante, un perfecto exemplo do panorama mediático galego, onde apenas 2 dos 6 grandes medios que cubrimos a realidade comarcal, comunicamos na nosa lingua. 

Para reivindicar a necesidade de coidarmos os medios en galego, pero sobre todo para festexar a festa da lingua, a AMEGA organiza minifestival de música galega contemporánea deste xoves 9 ás 20:30h na Sala Capitol con Ortiga e Grande Amore. Unha cita para a cal as entradas agotáronse en apenas un par de horas.

Este propio martes 7, celebrouse unha rolda de prensa de presentación no Pazo de San Roque, a sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa presenza do presidente da organizadora Asociación de Medios en Galego (AMEGA), Pablo García (de Radio Estrada), Valentín García (SXPL), Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, e os artistas Ortiga e Grande Amore.

Arrincou a rolda Pablo García, lembrando a importancia da existencia de 130 medios en galego. "Nos últimos anos consolidamos en Galicia unha rede estable de medios de comunicación que constitúen un soporte para unha información veraz, plural e participativa en galego". Fixo fincapé na importancia de conectar ca mocidade: “o futuro xa está aquí, o talento está na casa, uns medios veraces e de calidade que tenden pontes en lugar de levantar murallas e que este ano convídanvos a Escoitar en galego, ler en galego, ver en galego e gozar en galego”.
García apuntou ademais que o concerto que será retransmitido polas emisoras municipais galegas e que irá precedido dun programa especial, de radio, en directo dende a mesma sala.

Pola súa parte, a concelleira Mercedes Rosón, tomou a palabra poñendo o foco en que “o futuro xa está aquí, con Grande Amore e Ortiga”, como se comprobou coa rápida venda de entrada, facendo patente esa conexión coa xente máis moza. Tamén avaliou os comprometidos datos actuais do uso do galego, sinalando que "semella que o 50% da docencia en galego non é suficiente, cando a área ciencia-tecnolóxica queda fora desta porcentaxe”.

Valentín García dou a benvida ao Pazo de San Roque, ao “Pazo da Lingua, que se pon de gala para recibir aos medios en galego, fundamentais no proceso de normalización", e sinalou que é momento de sacar peito.

Grande Amore fixo un paralelismo entre a situación dos medios en galego e o mundo da música. “Nunca houbo a sensación de dicir cantos proxectos musicais hai en galego”. A pesar dos datos, considera que é “momento de ser optimista, porque creo que hai efervescencia creativa na nosa lingua”. Ademais, cun sorriso, sinalou que “para min, galegofalante da variante da Mariña, que digo orgulloso faigo, estou aquí encantado, porque ademais nunca tiven o debate de que en lingua fago música, é algo evidente”.

Ortiga deixou claro que non ten un discurso politizado, pero que cre “super imporante reivindicar a lingua, pero non facelo con descendencia, e non na eterna chorada do “non nos axudan”. Como a ninguén. Temos que asumir que a cousa está complicada pero hai que remar”. En calquera caso, defende que “creo que aportamos, na medida do que podemos, a normalizar a cousa”, orgulloso de que a AMEGA o contactase para participar nisto.

Grande Amore recoñeceu que cantar en galego “xenera un prestixio, pero non sei sei se chegará a normalizar. Certo que coñezo xente nova que non son galegofalantes e que xa escolle o galego como vehículo”.

Comentarios