Axenda cultural e verbeneira para a segunda quincena de setembro

Queda moi pouco para o remate oficial do verán, malia que a Barca xa marcaba esta pasada fin de semana un claro cambio de tendencia en canto a Axenda. De feito, son poucas as verbenas que conseguimos xuntar para este ecuador do mes de setembro. Así e todo, facemos un repaso das citas que nos quedan ata final de mes, e repasamos tamén o que nos vén en clave máis cultural.
Citas culturais
As representacións dos Naufraxios da compañía Aantena pechan temporada coa última obra que se celebrará este venres 16 ás 21:30h na contorna da Ermida de Santo Hadrián, en Malpica.
A finde terá tamén cita gastronómica coa Festa da Pataca de Coristanco, que vén de ser nomeada Festa de Interese Turístico Galego.
O sábado a Praza da Constitución de Fisterra acolle a representación de Papagena, a ópera electrónica en galego.
O Festival Feros Corvos de Santa Comba ten dúas citas de peche: O sábado, 17 de setembro, recital poético con Yolanda Castaño e Carlos Méndez ó contrabaixo, a partir das 18:00h da tarde na Casa do Pozo. E o domingo, 18 de setembro, ás 18:00h da tarde na biblioteca municipal, recital poético musical que contará coa voz do mazaricán Ismael Ramos e a interpretación ó piano de David Durán.
Ademais, aínda temos tempo para coller forzas para o último festival do verán, o Xiria Pop carballés que celebra o seu 25 aniversario a fin do 23 e 24 de setembro.
Verbenas
Unha das citas máis esperadas de setembro é a Festa dos Remedios de Corme, coa que volve a Festa de Fin de Ano adiantado. Será o sábado 24 cando a vila cormelá se vista coas mellores galas e sacará o cotillón para celebrar a 18ª edición desta singular festa.
Pero antes, tamén hai estas:
- Festas de Fátima de Cambeda, Vimianzo (15, 16 e 17).
- Festas das Dolores de Carnota (16, 17 e 18).
- Festas de Colúns, Mazaricos (17 e 18).
- Festas de Treos, Vimianzo (23, 24 e 25).
- A Santiña de Trasufre, Muxía (21 e 24).
- Festas dos Remedios e Fin de Ano en Corme (23 e 24).
- Festas de Valadares, Muros (18, 24, 25 de setembro e 2 de outubro)
- Festa do Chocolate de Canduas (2 e 8 de outubro).