O Festival Feros Corvos aumenta a súa intensidade por setembro
Santa Comba xa aplaudiu catro actuacións do Festival Feros Corvos, do son e da palabra. Abriu o ciclo o concerto titulado As Músicas do Camiño de Santiago a cargo de Mercedes Hernández e Fernando Reyes, que tivo lugar o 26 de xuño na capela de Rubín. Chegaron despois o recital de novos talentos musicais na biblioteca e a actuación de Cuarteto Novecento na capela de Santa Catalina. E xa máis recentemente impartiu unha conferencia na casa da cultura Hirofumi Matsuoka, presidente da Asociación Shikoku Henro Tomonokai (ruta de peregrinaxe xaponesa irmandada ó Camiño de Santiago).
Pero o Festival Feros Corvos continúa enchendo Santa Comba durante o mes de setembro,.
Este mesmo sábado 3 de setembro, a deseñadora de tipografías María Ramos impartirá unha conferencia titulada Tipografía, a forma da palabra a partir das seis da tarde na casa da cultura. E case sen tempo para descansar ó día seguinte o escenario trasládase á biblioteca municipal para desfrutar dun recital poético musical con Noriko Fukushima e Haruna Tabeke ó son do piano.
Na seguinte fin de semana Feros Corvos ten programadas dúas conferencias e outro recital poético musical. O sábado, 10 de setembro, desde as 18:00h e na casa da cultura, a lingüista María do Carme Parafita disertará sobre A mente multilingüe e o domingo no mesmo lugar, pero á unha da tarde, a crítica literaria Teresa Seara impartirá unha charla baixo o título de Os feros corvos do Batallón Literario da Costa da Morte.
Ese mesmo día, o domingo, 11 de setembro, a partir das 18:00h da tarde, a cultura trasládase á vivenda sociocomunitaria con un recital moi atractivo de Manuel Rivas e Vertixe Sonora Ensemble titulado En salvaxe compaña, dirixido por Nacho de Paz e coa participación da mezzosoprano Fredrika Brillembourg, quen subiu ó escenario dos principais teatros de ópera do mundo e cantou coas principais orquestras e incluso chegou a actuar baixo a batuta de directores de moito prestixio como Plácido Domingo. Ademais, esta estadounidense que recibiu críticas moi positivas en rotativos con moita reputación como o New York Times, aproveitará a súa estadía en Santa Comba para estrear en España dúas importantes composicións contemporáneas: It do francés Franck Bedrossian; e The Raven, monodrama para mezzosoprano e 12 músicos composto polo xaponés Toshio Hosokawa baseándose no famoso poema homónimo de Edgar Allan Poe.
Este ciclo cultural continúa na capital xalleira o sábado, 17 de setembro, coa intervención da poeta Yolanda Castaño e Carlos Méndez ó contrabaixo, quen protagonizarán un recital poético musical a partir das 18:00h da tarde na Casa do Pozo. Hai que destacar que Yolanda Castaño, que ten obras traducidas a 35 idiomas, é unha gran xestora cultural e conta con un palmarés de premios como poucos poetas xa que despois de gañar o Fermín Bouza Brey no ano 1995, fíxose merecedora dos premios da Crítica Española (1999), Espiral Maior (2007) ou El Ojo Crítico (2009), entre outros.
O remate do festival Feros Corvos chega o domingo, 18 de setembro, ás 18:00h da tarde na biblioteca municipal, con un recital poético musical que contará coa voz do mazaricán Ismael Ramos e a interpretación ó piano de David Durán.
É de esperar, despois da boa acollida das primeiras actividades, que o Festival Feros Corvos continúe colleitando éxitos para afianzarse e ser un fixo na programación cultural de cada ano en Santa Comba.