Martes. 19.03.2024
El tiempo

Baixada na afluencia de xente en urxencias e centros médicos: medo ou concienciación?

Centro de Saude baleiro
Centro de Saúde da zona baleiro
Baixada na afluencia de xente en urxencias e centros médicos: medo ou concienciación?

A raíz da crise sanitaria que nos leva afectando directamente dende hai polo menos dúas semanas, estase a notar unha baixada na afluencia de persoas que acoden aos centros sanitarios. Dende o primeiro momento, en canto se decretou o Estado de Alarma, as autoridades indicaban que unhas das recomendacións principais, ademais do confinamento nas súas casas, era evitar ante todo as visitas ao hospital e, na medida do posible, de ter que facer algunha consulta, que se fixese telefonicamente. Semella que isto tamén calou aquí na Costa da Morte, mais esta realidade chegou por convicción propia ou máis ben polo medo ao contaxio?

Segundo indica Francisco Santiago, persoal administrativo no Hospital Virxe da Xunqueira, “hai unha tendencia que se está desenvolvendo dende que comezou esta crise e é que a afluencia de urxencias notouse que baixou sensiblemente. O 95% dos casos de urxencias que poden entrar hoxe en día no hospital son urxencias de verdade, e iso nótase co tema do coronavirus”.

Para Santiago, a causas de esta baixada sería unha mestura entre concienciación e medo. “Á maioría da xente caloulles a mensaxe e foi responsable, pero logo o medo tamén axuda moito, porque a xente non é tonta e sabe en calquera situación real do ano os hospitais son focos de posibles infeccións, máis que se estás na casa ou na rúa”, explica.

Por outra banda, Fernando Cuadrado, médico de atención primaria en Camelle, sinala que un dos motivos principais é que a xente estase a “dar conta da realidade”, aínda que, ben é certo que o medo tamén é outro factor clave. “A Costa da Morte xeralmente somos como unha zona illada que non ten moita comunicación co resto, entón pensamos que isto pasa na capital e non vai chegar aquí. Pero claro, cando ves que si que chega aquí, eu penso que a xente xa o tomou máis en serio. Penso que ter veciños con casos positivos influíu”, explica o Cuadrado.

Unha concienciación que, segundo declara o sanitario, en Camelle chegou á poboación dende o primeiro momento e os veciños respostaron a esta chamada a non asistir ao centro médico de inmediato. Porén, non foi o mesmo en todos os concellos: “En Camelle si que foi inmediato pero en Camariñas, polo que me contaron compañeiras, agora si, pero ao principio do Estado de Alarma aquilo era un pouco un despropósito. A xente ía, acumulábase, falaban entre eles... Parece que agora a xente foise concienciando máis e piden citas telefónicas”, afirma Cuadrado.

Este tamén recalca que outro dos motivos polo que puido aumentar a concienciación na poboación é grazas á labor de información que se está a realizar por parte dos Concellos, quen por medio de outras forzas como Policía Local, Garda Civil ou Protección Civil, están facendo calar a mensaxe.

Persoal sanitario do centro sanitario de Baio.
Persoal sanitario do centro de saúde de Baio

Medidas de prevención nos centros sanitarios

A pesar de que a cidadanía está a cumprir coa petición que se fixo de intentar evitar ir tanto aos centros médicos coma aos hospitais, e así debe seguir ata que as autoridades indiquen o contrario, hai algúns casos nos que isto non é posible, ben sexa porque se trate dunha urxencia ou porque a problemática do paciente non abonde con ser atendida telefonicamente e precise ser explorado.

Para isto, todos os centros están a extremar as medidas de prevención con tal de intentar evitar os contaxios ao máximo. “Todos os centros de saúde que eu coñeza xa teñen unha sala específica para respiratorios onde, cada vez que se de un paciente, tense especial coidado de tomar as medidas de barreira como son que o paciente poña unha mascarilla e limpie as mans. Agora mesmo practicamente todo paciente con infección respiratoria pode ser un posible caso, entón, ponse aos paciente nesa sala, pregúntaselle e se vemos que é necesario exploralo tomamos outras medidas nós como guantes, bata, mascarilla, gafas... E se vemos que pode ser unha tose que non vemos que estea mal, mandámolo para casa”, explica Cuadrado.

Ademais, dende que se entra no centro médico, as medidas de prevención non só están á orde do día por parte do seu persoal, senón que facilitan a información deses mesmso protocolos para os pacientes por medio de carteis informativos no mostrador ensinando un correcto lavado de mans e material desinfectante. Tamén, no caso de que veña un paciente con síntomas respiratorios, pídese que o indique de inmediato para poder facilitarlle unha mascarilla e que poida lavar as mans coa solución hidroalcohólica.

Mostrador do centro sanitario de Camelle.Mostrador do centro sanitario de Camelle.

Nestes momentos estanse a dar cambios tanto estruturais como organizativos dos centros sanitarios co fin de adecuar o espazo ás circunstancias e, nos que son máis grandes, esta reestruturación aínda é maior. Por exemplo, en Vimianzo, “as salas da matrona é onde ven aos pacientes e a sala de entrenamento das embarazadas tamén o habilitaron para ver a pacientes con posible coronavirus”, declara Cuadrado.

No HVdX están a utilizar material de prevención tal como mascarillas, guantes e batas, ademais de extremar todas as precaucións no que respecta aos protocolos. En caso de ter algunha urxencia “hai un protocolo rigoroso. Dentro do que é o servizo de urxencia só pode estar o paciente, nin familiares nin nada. O familiar ten que estar na sala de espera e soamente pode haber un familiar por paciente. Isto para extremar precisamente a seguridade e evitar que se infecten as persoas”, afirma Santiago, en caso de que se trate dun paciente que chegue ao hospital por causas alleas ao coronavirus. Pola contra, en caso de que o paciente ingrese por Covid-19, este sería levado a un box que se illaría.

Aínda así, a pesar de todas estas medidas, isto non é nin moito menos unha chamada a ir aos centros hospitalarios. Isto significa anda máis e nada menos que, en caso de que alguén tivese que ir por forza maior, estanse a cumprir estritamente todos os protocolos establecidos para evitar na medida do posible calquera infección.Persoal sanitario do consultorio de Ponte do Porto

“Inténtase reducir o risco procurando que non haxa moita afluencia de xente no centro de saúde e despois limpando. Estas medidas está comprobado que diminúen moito o que é a taxa de infección. Mais, a pesar desas medidas e de que nós onde vexamos que estivo o paciente limpamos con ben de lixivia ou ben de alcohol, pois non podemos garantir que o paciente non se poida contaminar. De feito, na páxina do ministerio consta que un 12% dos contaxios é a través do médico ou do sistema sanitario”, explica Cuadrado.

Santiago recorda que é primordial que “a xente sexa responsable, que estean na casa e que saian á rúa o menos posible e vir ao hospital só en caso de ter un motivo realmente urxente. Se se cumpre todo este confinamento, se se está a facer ben e somos responsables, isto vai pasar. Hai xente que evidentemente xa non está por culpa disto, hai xente que está sufrindo, pero isto hai que ter un pouquiño de esperanza, e se facemos todas as cousas como persoas responsables que temos que ser, todo isto pasará”, indica.

Finalmente, Santiago invita a todos a reflexionar sobre esta situación adversa na que nos encontramos e da que sacar varias conclusións: “Espero que aprendamos desta catástrofe e que nun futuro sexamos máis responsables, pero non só no tema sanitario, senón responsables co medio ambiente e responsables como grupo humano que constitúe unha sociedade avanzada e progresista”.

Comentarios