Bateas de Luxo, un repaso ao narcotráfico da Costa da Morte
Como un Traballo de Fin de Master na Universidade de Santiago de Compostela nace este proxecto de Bateas de Luxo, creado pola xornalista carballesa Sheyla Bermúdez. Un completo repaso, a base de entrevistas, sobre o papel da Costa da Morte no narcotráfico durante as últimas décadas. Un traballo que ademais nos vai permitir facer un percorrido a través de QPC nas vindeiras datas.
Sheyla Bermúdez, que acaba de rematar as prácticas na CRTVG, é a creadora do proxecto Bateas de Luxo
Bateas de Luxo é xa unha completa reportaxe audiovisual, que poderá chegar a ter forma de documental, que analiza pormenorizaradamente a incidencia do narcotráfico na nosa zona. A reportaxe fala do Clan dos Lulús e do Clan de Neaño, e fai unha guía polas grandes operacións policiais da última década.
Falan, por exemplo, en primeira persoa, o xornalista muxián da CRTVG Xusto Carril, ou o xornalista da Voz, Xosé Ameixeiras, contando as súas experiencias cos clans da comarca.
Pero tamén hai diferentes visións, dende o excomisario da UDYCO, Enrique León, ou o Xerente da Fundación Contra o Narcotráfico Fernando J. Alonso, que debullan como traballan os clans, pasando por un Sarxento do EDOA que dá pistas da actual situación.
Incide no asunto o escritor Víctor Méndez, autor dunha auténtica enciclopedia do tema, o libro "Narco Gallegos”.
Das consecuencias dá conta Carmen Avendaño, presidenta da Fundación Érguete e unha das heroínas que conseguiron cambiar a nivel social a imaxe de intocables dos narcos aló polos anos 80.
O experto Manuel Domínguez tamén analiza o proceso de branqueo de capitais. Os bingos (nomeadamente portugueses), os paraísos fiscais, grandes investimentos inmobiliarios, as lotarías, grandes entradamos empresariais… son algúns dos procesos máis utilizados.
Non falta a voz dun xuíz, como é Juan Carlos Carballal, que repasa como andan as condenas.
Por agora, poden pinchar en https://sheybermudez.wixsite.com/bateasdeluxo/ e descubrir todo o que foi sacando a luz a brava xornalista carballesa.
Novas relacionadas co Narcotráfico
- Decembro 2016: Aparece degolado un home en Fisterra relacionado co narcotráfico.
- Agosto 2016: O sarxento condenado.
- Xuño 2016: A descarga realizada en Arou devolve á Costa da Morte ao punto de mira do narcotráfico.
- Xaneiro 2015: Detidos 11 narcotraficantes implicados no tiroteo de Muxía.
- Agosto 2012: Droga, destino Costa da Morte.
- Xaneiro 2012: Tiroteo en Muxía.
- Xaneiro 2012: A droga agochada.
- Xaneiro 2009: A Costa da Morte, o novo porto de entrada da droga en Europa.
- Xaneiro 2009: Interceptan 4.000 kilos de cocaína que entraban por Muxía.