Bergantiños sente un tremor con epicentro en Tordoia
10:35 23/06/26
Rexistráronse esta madrugada dous tremores de terra separados por menos de 20 minutos, con epicentro en Tordoia.
Segundo a información do Instituto Xeográfico Nacional, o primeiro dos tremores, de magnitude 3,3, tivo lugar sobre as 5,31 horas e puido sentirse en varias localidades da zona, como Carballo, Coristanco, A Laracha, Cerceda, Portomouro, Val do Dubra, Carral, Zas ou Benvibre, e mesmo en áreas máis afastadas como Santiago de Compostela ou Arteixo.
O 112 Galicia informou de que este tremor motivou a chamada dun particular á central de emerxencias, aínda que non se rexistraron danos.
Menos de 20 minutos despois, ás 5,50 horas da madrugada, un punto moi próximo de Tordoia rexistraba unha réplica, en superficie, de magnitude 2,3.