Venres. 26.04.2024
El tiempo

O BNG critica que os Orzamentos da Xunta inclúan partidas repetidas dende hai 12 anos

Xurxo Bana novo portavoz do BNG de Camarinas
Xurxo Rod. Baña é o voceiro do BNG comarcal
O BNG critica que os Orzamentos da Xunta inclúan partidas repetidas dende hai 12 anos
Repasabamos o pasado venres as cifras que os Orzamentos da Xunta traerán á comarca en 2023. Hoxe é o BNG o que lanza a súa lectura dos papeis, considerando que o “PP segue discriminando á Costa da Morte”.

Para o BNG é un engano que os orzamentos anuncien “de novo e por enésima vez varios investimentos que xa foran prometidos nas eleccións galegas do ano 2009, hai máis de 12 anos”.” Vender a estas alturas investimentos para saneamento da Ría de Corcubión ou un anaco da autovía é burlarse na propia cara de toda a Costa da Morte”, lamentan.

Lembran que “o ano pasado venderan tamén que destinaban 3,43 millóns de euros para o tramo Baio-Berdoias, e calquera de nós puido comprobar que este ano nin moveron unha pedra, nin licitaron obra, dado que a autovía segue parada en Baio”.
”O mesmo destino tiveron os 2,93 millóns de euros anunciados para o saneamento nos concellos de Cee e de Corcubión, que non foron executados”.

Dende o BNG da comarca piden pois á Xunta e ao Partido Popular que “deixe de discriminar aos veciños e veciñas que vivimos na Costa da Morte, que pagamos os mesmos impostos que o resto de galegos, e que queremos máis servizos e máis infraestruturas, que non traian esmolas e non nos traten con caridade, e que non queremos esperar máis tempo para que rematen o que levamos demandando hai 30 anos”. O responsable comarcal, Xurxo Rodríguez, declarou que “con este PP sae caro vivir na Costa da Morte, porque temos que pagar desprazamentos á Coruña, a Santiago, pagar peaxes e ata pagamos máis pola internet miserable que temos, e aínda temos que aguantar ao PP mentindo e enganándonos todos os anos cos orzamentos”.

Por último, manifestou que “ o BNG vai presentar estes días emendas para defender con dignidade a nosa comarca, para defender os servizos públicos e evitar o seu desmantelamento, como están a facer co servizo de práctico na ría de Corcubión e Laxe”.

Novas relacionadas

Comentarios