Os Orzamentos da Xunta inclúen, un ano máis, unha partida para o Corredor Baio-Berdoias

Vén de facer pública a Xunta o proxecto de Orzamentos para o 2023. Unhas cifras que arroxan, en primeira instancia, uns 16 millóns de euros da Costa da Morte (son 255 millóns de euros na provincia da Coruña).
Entre eles, a partida máis importante será a da continuación da Vía de Altas Capacidades (ou Corredor) Baio Berdoias, de 3,5 millóns de euros, con partidas plurianuais previstas para 2024 e 2025 que suman 25 M€.
En calquera caso, cómpre tomar con precaución esta cifra, pois precisamente é a mesma que a Xunta incluía nos Orzamentos de 2021 e non se moveu unha pedra.
A cousa é aínda máis grave se ollamos a hemeroteca, porque os Orzamentos para 2020 inclúan 1 millón para 2020, 4 millóns para 2021, 8 millóns de investimento na infraestrutura para 2022 e 8 para 2023 e seguintes. Comprobamos así como as obras se van retrasando sen unha explicación lóxica.

Infraestruturas
O Orzamento recolle 500.000€ para avanzar no proxecto da variante de Carballo, con partidas previstas nos anos seguintes que suman un total de 22 millóns de euros.
E tamén unha partida de 750.000 € para o acondicionamento da estrada AC-406 entre Portomouro e Santa Comba.
Tamén hai un investimento de máis de 2,5 millóns de euros para a posta en marcha de dúas plantas de transferencia de residuos por parte de SOGAMA en Cee e Ponteceso que pasarán a formar parte dunha rede planificada pola Xunta con criterios de eficiencia, sustentabilidade e eficacia.
Sanidade
Asegura a Xunta que o hospital de Cee tamén absorberá varias partidas para a reforma de área de urxencias e a renovación do seu equipamento de case 1 millón de euros.
Saneamento e abastecemento
Os investimentos destinados a obras de saneamento contan con 3,6 M€ para o proxecto de Cee e Corcubión, cuias obras ían comezar en outubro.
En relación ao abastecemento, destaca intervencións como a mellora do sistema de abastecemento dA Laracha (1,87 M€);.
Augas de Galicia tamén seguirá traballando no Plan de Xestión de Risco de Inundacións do río Anllóns, destinando partidas de máis de 2,5 M€ para acometer traballos que minimicen o risco de asolagamentos en Carballo.
Porén os orzamentos esquecen partidas para o tráxico heliporto de salvamento de Ruibo.
Novas relacionadas
- Agosto 22: Os socialistas esixen á Xunta que cumpla coas promesas do Corredor.
- Xullo 22: BNG e AV demandan a transferencia da titularidade de Parque Empresarial de Vimianzo á Xunta.
- Outubro 21: Os Orzamentos da Xunta para 2022 inclúen 3,43 millóns de euros para continuar o Corredor entre Baio e Berdoias.
- Setembro 22: As obras de mellora do sistema de saneamento nos concellos de Cee e Corcubión comezarán en outubro.
- maio 22: Licitan a primeira obra do Plan de Xestión do Risco de Inundación do Anllóns en Carballo.