Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Calafateando: Bañistas si. Furtivos… non, grazas!!!

Calafateando: Bañistas si. Furtivos… non, grazas!!!
Pay pay contra o furtivismo

Volvemos ao noso mar da man dos amigos de Fresco y del mar, que nos traen un artigo moi recurrente nestes días de verán…

 

Calafateando: Bañistas si. Furtivos… non, grazas!!!

Pay Pay contra o furtivismo

Coa chegada do verán as praias énchense de turistas e nalgunhas praias marisqueiras xorden algúns problemas de furtivismo, máis dos desexados, pola acción de bañistas furtivos, que consideran que apañar algunha ameixa ou berberecho entra dentro do paquete turístico do todo incluído e hai que deixar ben claro que non é así.

En Galicia hai un bo número de profesionais, ao redor de 4.000, que teñen como principal actividade durante todo o ano o marisqueo.

Proxecto piloto para concienciar a bañistas furtivos

Hai uns días a Consellería do Mar puxo en marcha un proxecto piloto co lema "Non vivimos do aire, vos mariscadores tampouco", co obxectivo de concienciar aos turistas bañistas da ilegalidade de extraer marisco sen o pertinente permiso de explotación.

Esta iniciativa xorde por mor da demanda do sector marisqueiro. Na actualidade está a desenvolverse na Illa de Arousa este proxecto piloto que terá continuación noutras praias de concesións marisqueiras doutras confrarías de pescadores onde a presenza de turistas está a ter unha forte incidencia furtiva sobre os recursos marisqueiros.

En que consiste a campaña contra os bañistas furtivos?

A campaña consiste na repartición de 5.000 abanicos nas praias marisqueiras, onde se amosa un texto que lembra que as mariscadoras e mariscadores adícanse durante todo o ano a cultivalas praias, realizar diversos labouras de limpeza dos bancos marisqueiros e a realización de quendas de vixilancia e lembrando que a acción de apañar marisco sen o pertinente permiso de explotación é ilegal.

Obxectivo da campaña

<`>A repartición dos pay-pay corre a cargo das propias mariscadoras que se organizan en quendas de garda para tentar sensibilizar aos bañistas e apelan á comprensión da cidadanía para que acudan a gozar das fermosas praias galegas como forma de lecer ademáis de advertir dos prexuízos que ocasionan para as economías dos profesionais do marisqueo a actividade de extracción de calquera tipo de marisco sen a correspondente licenza.

 

Marisco ilegal. Un problema de saúde pública

Ademais a Consellería do Mar lembra que o consumo de moluscos bivalvos extraído e comercializado de forma ilegal pode supoñer un grave risco para a saúde, ao non pasar polo proceso de depuración necesario antes do consumo. Polo que é necesario incidir na importancia de non mariscar sen permiso nin consumir fóra das vías legais.

Outras fórmulas para vivir o marisqueo

O marisqueo turístico, que difire bastante do que é o turismo mariñeiro, non debe converterse nunha actividade, que algúns bañistas xa consideran "tradicional", como é coller algún "marisquiño" para a paella.

Debe respectarse a actividade económica dos profesionais do marisqueo daquelas zonas onde vaiamos de vacacións. Para aqueles que queiran coñecer de primeira man a actividade do marisqueo poden facelo mediante as actividades de turismo mariñeiro, como é o caso das organizadas por Guimatur, unha asociación de mulleres mariscadoras de Cambados, onde che fan sentir mariscador/a por un día, diferenciar os distintos bivalvos, visitar unha conserveira e mesmo degustar os mellores berberechos ou ameixas.

Respecto a unha actividade tradicional e profesional

Detrás dun quilo de berberechos ou ameixas hai moito traballo e adicación por parte dun colectivo formado por miles de mulleres e homes que día a día se esforzan por acadar unhas rendas mínimas que fagan viable a actividade marisqueira. Se queremos seguir gozando dos mellores mariscos durante todo o ano debemos respectar o traballo deste colectivo e erradicar esa actividade furtiva que pode resultar irrelevante para os bañistas furtivos que están a gozar das súas vacacións, mentras resulta tan importante para as mariscadoras que non poden gozar das mesmas e ademais teñen a desagradable tarefa engadida de realizar chamadas de atención a aqueles turistas que se atopen realizando labores furtivas.

Disde a peixaría online 'Fresco y del Mar' queremos amosar o apoio total á iniciativa. O noso desexo é que se goce ao máximo das merecidas vacacións e que se respecte ao máximo as actividades tradicionais como é o caso do marisqueo.

Comentarios